A Xunta destaca o importante papel dos GES no sistema de atención ás emerxencias

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou hoxe o Grupo Supramunicipal de Emerxencias de Sanxenxo para coñecer de primeira man o seu funcionamento

Alfonso Rueda destacou que unha sociedade “segura e moderna” debe contar con servizos de emerxencias “ben preparados para facer fronte ante calquera incidencia e evitar riscos”

Sanxenxo (Pontevedra), 17 de febreiro de 2020.- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe durante a súa visita ás instalacións do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Sanxenxo, o importante papel que xogan os GES na atención profesional das emerxencias en Galicia.

Alfonso Rueda, xunto co director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, visitou hoxe a sede do GES para coñecer de primeira man o seu funcionamento e o traballo que levan a cabo os profesionais para velar pola seguridade dos seus veciños.

Neste sentido, lembrou que os GES, xunto cos voluntarios das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC), son os servizos de emerxencia máis próximos aos cidadáns e os primeiros en prestar atención en moitas das intervencións de emerxencias.

Os GES comezaron a funcionar na nosa comunidade no ano 2013, e complementan e reforzan a rede profesional de xestión e atención ás emerxencias de Galicia, que xunto a bombeiros, policías, o Centro de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia e o 061, entre outros, conforman unha importante malla de seguridade en todo o territorio galego.

O vicepresidente da Xunta apelou tamén á formación dos GES para que estean o mellor preparados posible e poidan prestar unha resposta áxil e eficaz á cidadanía. “Unha sociedade moderna e segura ten que contar cuns servizos de emerxencia ben preparados que poidan facer fronte a calquera incidencia. Ter uns profesionais ben preparados implica poder salvar vidas e evitar danos”, indicou. No caso de Sanxenxo, sinalou que o GES “marca a diferencia e a excelencia do concello tamén no ámbito das emerxencias e dos municipios da súa contorna aos que presta servizo”.

As actividades formativas dos servizos de emerxencias lévanse a cabo de forma centralizada desde a Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) e descentralizada nos concellos tanto para o persoal dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais como das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil, servizos municipais de Protección Civil e servizos de extinción de incendios, co obxectivo de que actualicen os seus coñecementos en materias que teñan aplicación directa no seu traballo diario.

Imaxes relacionadas