Ángeles Vázquez anima aos alumnos do IES Santa Irene de Vigo a implicarse e contribuír á loita contra o cambio climático

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda participou esta mañá nunha charla-coloquio con 150 alumnos de 4º da ESO e de 1º de Bacharelato

Subliña a importancia do papel das novas xeracións na busca de solucións a un fenómeno global pero que necesita respostas e un plan de acción en clave galega, como a nova Estratexia de Cambio Climático e Enerxía 2050 ou a Lei de Residuos

Vigo (Pontevedra), 17 de febreiro de 2020

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, animou esta mañá ao alumnado do IES Santa Irene de Vigo a xogar un papel activo e contribuír no presente pero sobre todo no futuro a frear o cambio climático desde unha perspectiva galega. Esta foi unha das mensaxes principais que lle trasladou a conselleira a un grupo de 150 alumnos de 4º da ESO e de 1º de Bacharelato do instituto vigués, no que ofreceu unha charla centrada na loita fronte ao quecemento global, a necesidade de ir cara a unha transición enerxética xusta e a mellora da xestión dos residuos.

Nesta liña e ante un auditorio composto por rapaces de entre 14 e 16 anos, emprazounos a apostar polas múltiples saídas profesionais que ofrece o chamado emprego verde, un sector en alza moi vencellado aos grandes retos que se están abrindo con relación á protección do medio ambiente e á ecoloxía e no que, incidiu, os mozos galegos poden atopar a súa vocación e mesmo un futuro laboral.

“Debemos cambiar nós, non o clima”, resumiu Vázquez Mejuto, para quen a mocidade debe actuar como referente dese proceso de cambio como representantes dunha “xeración medioambientalmente concienciada, respectuosa coa súa contorna e que recicla e separa xa na casa os seus residuos”. Deste xeito, engadiu que “o ano e a década” que acaban de comezar “están chamados a ser claves desde o punto de vista da sostibilidade”.

Para a consecución deste reto, a titular galega de Medio Ambiente explicou ao alumnado do IES Santa Irene que a Xunta de Galicia asumiu a “súa responsabilidade” e “deu un paso adiante” para asumir unha posición de vangarda, consciente de que estamos ante un problema globalizado que require respostas urxentes e definitivas en clave local e rexional.

Así, fixo unha breve presentación da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 (EGCCE), a folla de ruta transversal aprobada polo Goberno galego o pasado mes de outubro para marcar os tempos e planificar as actuacións a executar nesta materia. De feito, explicou que o documento inclúe metas e obxectivos ambiciosos a medio prazo, como acadar a neutralidade climática na comunidade no horizonte 2050 -reducindo para iso as emisións a través dun modelo baseado en fontes limpas-, a mellora da eficiencia enerxética e uns sistemas produtivos máis responsables.

En todo caso, a conselleira explicou que a EGCCE tamén prevé medidas a curto prazo a través do Plan Rexional Integrado de Enerxía e Clima 2019-2023, que identifica 170 medidas e reserva máis de 1.250 millóns de euros para combater o quecemento global desde Galicia, unha planificación que a Xunta deberá redefinir cada cinco anos.

Neste sentido, Ángeles Vázquez subliñou o papel clave que están chamadas a xogar as novas xeracións para lograr que ferramentas como a EGCCE, a tamén recentemente aprobada Estratexia Galega de Economía Circular ou a futura Lei de Residuos teñan os efectos esperados. “Sodes os rapaces e rapazas coma vós, que empezades a construír o voso propio camiño como adultos, os que tendes a chave para garantir un futuro máis sostible e respectuoso co noso planeta”, asegurou a conselleira, quen lles garantiu que nese camiño atoparán sempre o apoio da Xunta, que leva anos traballando co obxectivo de que a Galicia verde actual o sexa aínda máis no futuro pola vía da sostibilidade.

Imaxes relacionadas