Educación convoca o primeiro premio de Excelencia FP Dual como recoñecemento ás empresas colaboradoras

Ademais créase o selo Empresa colaboradora de FP Dual

Unha das categorías do galardón está centrada en premiar os proxectos destacados no relativo ao impulso do rural

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2020

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de convocar o primeiro premio de Excelencia FP Dual, así como de crear o selo Empresa colaboradora de FP Dual. O obxectivo é dar visibilidade e valorar o labor que desenvolven as empresas e os seus titores no desenvolvemento desta modalidade da Formación Profesional.

Serán os centros educativos que impartisen estas ensinanzas no presente e pasado curso os que propoñan os candidatos para obter o premio de Excelencia FP Dual. Cada un deles propoñerá unha candidatura por cada unha das categorías do galardón, en concreto as de gran empresa, mediana e pequena empresa, asociacións, entidades colaboradoras, persoa titora de empresa e proxecto destacado (que premiará as actuacións relativas ao impulso do rural).

O premio diríxese ás empresas, asociacións empresariais e profesionais e outras entidades que colaborasen con proxectos de FP Dual nos cursos 2018/2019 e 2019/2020, Tamén optarán a el as persoas titoras que desenvolvesen o seu labor durante estes dous cursos.

Pola súa banda, o selo está dirixido ás empresas que veñen colaborando coa Dual desde a súa implantación no curso 2012/2013 ata a actualidade. Consistirá nun diploma acreditativo que se entregará nun acto público ás empresas que contribúen ao impulso e á difusión desta modalidade como factor clave na cualificación de capital humano para a mellora da empregabilidade do alumnado.

O galardón enmárcase no Plan de Dinamización da FP Dual en Galicia, que ten entre os seus obxectivos lograr o maior achegamento entre a formación profesional e as empresas, de xeito que se atendan as necesidades de persoal cualificado dos distintos sectores económicos e se melloren as posibilidades de emprego do alumnado. Este plan conta con accións como a creación da Rede galega de dinamización da FP Dual (REGADual) ou o impulso de novos proxectos nesta modalidade (especialmente con pequenas e medianas empresas e no rural), entre outras.

Imaxes relacionadas