A Xunta convoca 5 bolsas de formación práctica en asuntos europeos na Fundación Galicia Europa

Están dirixidas a titulados universitarios e técnicos superiores en Formación Profesional e o prazo de presentación de candidaturas remata o 28 de febreiro

O obxectivo destas bolsas é facilitar á mocidade galega a mobilidade e o acceso ao mercado laboral

A duración da bolsa é de 12 meses
 

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2020

A Xunta, a través da Fundación Galicia Europa (FGE), vén de publicar unha nova convocatoria de bolsas de formación en asuntos relacionados coa Unión Europea para 2020, en liña cos seus obxectivos de achegar a realidade europea á sociedade galega e de mellorar a empregabilidade dos mozos da comunidade.

Tres das bolsas de formación estarán centradas no seguimento dos asuntos relacionados coas políticas comunitarias que máis afectan a Galicia. Para esta modalidade valoraranse preferentemente as seguintes titulacións: grao ou licenciatura en Dereito, Dirección e Xestión Pública, Ciencias Políticas, Relacións Internacionais e Ciencias Económicas. Unha delas desenvolverase na oficina da FGE en Santiago de Compostela e dúas na oficina de Bruxelas.

A FGE ofrece, ademais, unha bolsa radicada na oficina de Bruxelas e destinada a licenciados ou graduados en Xornalismo, Comunicación Audiovisual ou Publicidade e Relacións Públicas, co obxectivo de que o beneficiario se familiarice coa comunicación e información das políticas comunitarias, das actividades da Fundación e da presenza de Galicia nos organismos europeos.

Así mesmo, a Fundación Galicia Europa ofrece unha bolsa radicada na oficina de Bruxelas e dirixida a técnicos superiores en Administración e Finanzas, Asistencia a Dirección ou Secretariado.

A convocatoria detalla os prazos e procedementos para a presentación de solicitudes, as fases do proceso de selección e os requirimentos de admisión entre os que destacan ter unha vinculación con Galicia, obter a titulación académica necesaria dentro dos seis anos anteriores a publicación da convocatoria ou non ser beneficiario de ningunha convocatoria anterior de bolsas da FGE.

Aqueles interesados poderán presentar as súas candidaturas coa documentación esixida ata o día 28 de febreiro. As solicitudes enviaranse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible en https://sede.xunta.gal.
 

Imaxes relacionadas