Cores Tourís comprobou co alcalde de Rodeiro as obras de reforzo do firme na PO-533

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra visitou os traballos invitado polo rexedor

En total, a Xunta está a investir neste concello 109.000 euros para garantir a seguridade viaria

Todos estos traballos forman parte dun paquete de obras que se desenvolven en diversos concellos do Deza, e que supoñen un investimento global de 1,5 millón de euros

Rodeiro (Pontevedra), 14 de febreiro de 2020

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Rodeiro, invitado polo alcalde da localidade, Luis López Diéguez, co obxectivo de analizar as obras de reforzo do firme executadas na PO-533 que enlaza Lalín co Alto do Faro, ao seu paso polo concello dezano.

A PO-533 trátase dunha estrada de 21 quilómetros con tramos en bo estado e outros en situación deficiencia, con fisuracións ou deformacións, polo que foi necesario poñer en marcha estas obras de reforzo do firme, coa finalidade de mellorar a seguridade viaria e a comodidade dos usuarios. Un dos tramos en peor situación era precisamente a travesía de Rodeiro, que xa contou cun reforzo do firme en 2015, completándose agora nos lugares onde non se actuara. Aplicáronse fresados localizados de 5 centímetros de espesor, e emulsións catiónicas rápida de residuo duro termoadherente, repoñéndose as marcas viais nos tramos de actuación.

Tamén informou o delegado territorial ao rexedor de Rodeiro da situación do proxecto de reforzo do firme da PO-212 entre este concello e Agolada, “que xa foi aprobado pola Axencia de Infraestruturas de Galicia e que está nestes intres pendente de licitación”.

Todos estos traballos forman parte dun paquete de obras que se desenvolven en diversos concellos do Deza, e que supoñen un investimento global de 1,5 millón de euros.

Cores Tourís destacou que a Xunta continúa no camiño da mellora de infraestruturas iniciadas fai anos e recordou que o Goberno galego está a apoiar aos concellos para reforzar a seguridade viaria, incrementar a comodidade nos desprazamentos dos seus veciños e mellorar a calidade de vida da cidadanía.