A Xunta aposta pola formación na AGASP dos efectivos dos corpos de seguridade e servizos de emerxencia

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, presidiu hoxe o Consello Reitor da Academia Galega de Seguridade Pública

A Academia seguirá a formar ao persoal da Policía Local, Policía Autonómica, Policía Nacional, Garda Civil, Protección Civil, GES, servizos de extinción de incendios ou socorristas

Os 150 alumnos da 12ª promoción de Policía Local iniciarán a súa formación na AGASP o próximo mes

A Estrada (Pontevedra), 14 de febreiro de 2020

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, presidiu hoxe o Consello Reitor da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), no que se aprobou o plan formativo de 2020 e se fixo balance das actividades levadas a cabo ao longo do ano pasado.

No marco da reunión celebrada esta mañá na sede da Academia, deuse o visto bo á programación para este ano destinada á formación do persoal de distintos corpos e forzas de seguridade e dos servizos de emerxencia en Galicia.

O plan abrangue cursos de distintas temáticas para axentes da Policía Local, a Policía Nacional, a Policía Autonómica e a Garda Civil, así como persoal das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil, Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), servizos municipais de Protección Civil e servizos de extinción de incendios. A AGASP tamén acolle actividades formativas no ámbito do socorrismo, tanto en espazos acuáticos naturais, como en instalacións acuáticas.

Desta forma, os alumnos teñen a posibilidade de actualizar o seu aprendizaxe en materias que teñan aplicación directa no seu traballo diario. Formaranse, segundo os corpos, en asuntos como o fraude electrónico, os protocolos en delitos de odio, atención aos peregrinos, maltrato animal, fraude electrónico, medio ambiente, localización de artefactos explosivos ou seguridade cidadá.

En concreto, para este primeiro semestre están previstas 2.000 prazas no servizo de formación en seguridade pública (destinada a policías locais, nacionais e gardas civís); e outras 1.800 prazas para os servizos de emerxencia e voluntariado de protección civil.

Ademais, todos os corpos policiais poden optar ás actividades do plan específico de formación en materia de violencia de xénero, descentralizado a todas as localidades, que ten como obxectivo garantir unha atención integral ás vítimas. Os axentes participantes adquiren, a través destes cursos, unha formación completa sobre o tratamento policial das vítimas de violencia de xénero e os protocolos de actuación que se deben seguir desde o ámbito policial.

A Academia Galega de Seguridade Pública tamén está a formar aos alumnos dos procesos de selección unificados para cubrir prazas de policías locais e auxiliares solicitadas polos concellos galegos adheridos de forma voluntaria a este sistema no marco do Decreto 115/2017.

O próximo mes iniciarán a súa formación na AGASP máis de 150 alumnos que integran a 12ª promoción de Policía Local, o que supón a cifra máis alta na historia da Academia. Todos os que comezan este curso pasaron previamente por un proceso selectivo, ben nos concellos que o convocaron de forma individual, ou a través da oposición unificada convocada pola Administración autonómica.