Membros da comisión técnica de zonificación de Vigo valoran positivamente a construción dun novo IES nos actuais Xulgados

Sinalan que a iniciativa da Xunta permitirá ampliar a oferta educativa en bacharelato e formación profesional e buscar un equilibrio dos rateos escolares

A delegada da Xunta en Vigo, Corina Porro, ratifica o compromiso do Goberno galego co IES de Navia, que considera “necesario” perante o crecemento do barrio

Recorda que o deseño do novo mapa escolar é prioritario para o departamento educativo baixo a promesa de alcanzar o máximo consenso

Vigo, 13 de febreiro de 2020

Os membros da comisión técnica de zonificación de Vigo valoraron hoxe positivamente a construción dun novo IES nos actuais xulgados e así llo trasladaron á delegada territorial da Xunta de Galicia, Corina Porro, e o xefe territorial de Educación, Universidade e Formación Profesional, César Pérez Ares. Segundo argumentaron, a iniciativa non só suporá unha ampliación da oferta actual en bacharelato e formación profesional, senón que permitiría lograr un equilibrio dos rateos escolares.

En base a este novo escenario, os técnicos deberán agora valorar un posible reparto de adscricións de centros para poder elaborar un novo mapa escolar. Este é precisamente un asunto prioritario no que a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional –a través da Xefatura Territorial de Pontevedra- está a traballar; valorando e estudando as diferentes alternativas que existen.

Unha nova zonificación que parte da premisa de acadar unha distribución máis acorde coa situación actual da cidade e a distribución poboacional actual. De igual xeito, outra das directrices marcadas desde un primeiro momento foi a consecución do máximo diálogo, consenso e transparencia durante todo o proceso.

E neste contexto, a delegada territorial aseverou que son necesarios maiores recursos e ratificou o compromiso da Xunta de Galicia non só coa construción dun instituto nos actuais xulgados -toda vez que se faga o traslado á Cidade da Xustiza-, senón co futuro IES de Navia. “Non renunciamos ao instituto de Navia, pero nós non podemos permanecer parados mentres o Concello decide si nos cede os terreos, temos que seguir traballando para dotar de maiores recursos educativos á cidade”, aseverou. Así, valorou necesarios ambos institutos e respecto a Navia, dixo, é o barrio máis novo de Galicia e cun maior potencial de crecemento”, en clara alusión a futura construción das 1.600 vivendas de protección autonómica que están proxectadas nesta zona.

Sobre o IES nos actuais xulgados, a representante autonómica afirmou “é unha solución a corto prazo na que levamos tempo traballando, e unha alternativa á falla de terreos alleos para a construción de infraestruturas educativas”.

En canto ao rechazo manifestado polo alcalde vigués a este proxecto, Corina Porro lamentou que sexa un “non máis” a todas cantas propostas fai a Xunta de Galicia en materia de inversión para a cidade.

“É moi grave que o alcalde, na súa liña victimista e de falla de colaboración institucional, negue a Vigo e a veciñanza servizos que son fundamentais”, subliñou, ao tempo que volveu a insistir en que segue sen poñer a disposición da Xunta os terreos necesarios para a construción do instituto de Navia.

Imaxes relacionadas