A Xunta de Galicia lembra aos consumidores que a suspensión temporal de actividade da empresa Lácteos Casa Macán so afecta aos produtos desta marca

Ningún dos produtos do resto de marcas amparadas baixo as denominacións de orixe protexidas están afectados

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2020

A Xunta de Galicia lembra aos consumidores que a suspensión temporal de actividade da empresa Lácteos Casa Macán, S.L., afecta, única e exclusivamente, a queixos e manteigas elaborados en Casa Macán, polo que os produtos do resto de marcas amparadas baixo as denominacións de orixe protexida “Queixo Tetilla” e “Arzúa-Ulloa” non están afectados.

O Goberno galego insiste en que a retirada dos produtos de Casa Macán fíxose de forma cautelar e que só afecta a esta queixería.

A Xunta de Galicia agradece o traballo que realizan os consellos reguladores de ambos selos de calidade, que vixían e controlan que os produtos se elaboren nas mellores condicións hixiénico-sanitarias e quede patentada a calidade dos mesmos.

Sinalar, por último, que para que a empresa afectada poida retomar a actividade, a autoridade sanitaria terá que levantar a medida cautelar e, para iso, deberase realizar unha inspección completa do establecemento co obxecto de comprobar que se emendaron todas os incumprimentos detectados e que xa cumpre todas as condicións esixidas na normativa sanitaria de aplicación para producir alimentos seguros.