A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade reuniuse hoxe co xerente desta Área Sanitaria, Ángel Facio, para abordar as actuacións que a Xunta vai a acometer nos centros do Hospital Naval, o Arquitecto Marcide e o Nóvoa Santos

Infraestruturas coordina coa xerencia da área sanitaria a mellora dos aparcamentos e vías dos hospitais de Ferrol, que comezará en verán e estará rematada este mesmo ano

No Hospital Naval renovarase o firme do vial perimetral e actuarase nuns 5000 m2 dos aparcamentos, e nos hospitais Arquitecto Marcide e Nóvoa Santos renovarase o firme nos treitos máis deteriorados, cun investimento de 200.000 euros

Mellorarase a sinalización interior e exterior dos tres centros hospitalarios

A intervención enmárcase nos contratos que está a impulsar a Xunta nos hospitais galegos, cun investimento de 1 millóns de euros nos centros públicos da provincia

As empresas interesadas teñen de prazo ata o 9 de marzo para presentar as súas ofertas

Ferrol, 12 de febreiro de 2020

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, reuniuse hoxe co xerente da Área Sanitaria de Ferrol, Ángel Facio, para coordinar as obras de mellora dos aparcamentos e as vías dos hospitais da cidade, que comezaran en verán e se agarda que estean rematadas este mesmo ano.
En concreto, na xuntanza abordouse a coordinación das actuacións de mellora dos accesos que a Xunta vai acometer nos hospitais Naval, Arquitecto Marcide e Nóvoa Santos, obras xa licitadas e que forman parte do contrato co que se están a impulsar actuación semellantes en diferentes centros hospitalarios públicos da provincia, cun investimento global de 1 millóns de euros.
Explicou que as empresas interesadas en executar as actuación teñen de prazo ata o 9 de marzo para presentar as súas ofertas. A partir de aí se avanzará nos trámites para iniciar as actuacións, que no caso das obras nos centros hospitalarios de Ferrol teñen un prazo de execución de 5 meses.
A conselleira indicou que nos centros hospitalarios da cidade as obras suporán un investimento de 200.000 euros, céntranse nos viarios e aparcamentos, e que consisten, fundamentalmente, na renovación do firme, e tamén se actuará nas beirarrúas máis deterioradas.
O obxectivo das obras é reforzar a seguridade viaria e a accesibilidade nos contornos destes hospitais, favorecendo a mobilidade, tanto de pacientes como de todo o persoal sanitario que se achega cada día ás instalacións destes hospitais ferroláns.
Concretou que as obras no Hospital Naval implicarán a renovación do firme do vial perimetral, de preto de 1 km de lonxitude, ademais de actuar sobre uns 5000 m2 dos aparcamentos. No caso dos hospitais Arquitecto Marcide e Nóvoa Santos as actuacións prevén a renovación do firme nos treitos máis deteriorados.
A intervención inclúe ademais, a mellora da sinalización interior e exterior dos tres hospitais.

Os traballos manteranse coordinados cos responsables do Sergas, analizando as necesidades de actuacións, polo que as obras realizaranse de xeito compatible cos equipos técnicos sanitarios para interferir o menos posible na actividade hospitalaria. Así, ademais, no caso concreto das actuacións no centro hospitalario Arquitecto Marcide serán coordinadas coas obras de ampliación que están en execución dende o pasado outono.

Imaxes relacionadas