Balseiro celebra co alumnado do CEIP Paradai de Lugo o Día internacional da muller e a nena na ciencia

Unha vintena de profesoras e investigadoras da USC, a través do grupo de innovación docente XuvenCiencia, imparte talleres a 300 nenas e nenos de Infantil e Primaria

Lugo, 12 de febreiro de 2020

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, sumouse hoxe ás actividades organizadas no CEIP Paradai de Lugo para celebrar o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia.

Balseiro participou na apertura da xornada, na que unha vintena de profesoras e investigadoras da USC, a través do grupo de innovación docente XuvenCiencia, impartiron obradoiros científicos para 300 rapazas e rapaces de Infantil e Primaria.

O delegado destacou que iniciativas como esta “achegan a ciencia ás nenas e aos nenos a través de referentes femininos e fan visible o traballo das mulleres neste eido”. Puxo de relevo a importancia “de implicar ao alumnado máis cativo nestas actividades divulgativas, xa que iso contribúe a fixar a súa percepción de que as capacidades e as vocacións non teñen nada que ver co xénero, senón co esforzo e co talento”.

Esta xornada busca promover o interese dos estudantes, en especial das mulleres, cara á investigación científica e tecnolóxica. Nese sentido, Balseiro lembrou que a Xunta ten en marcha a Estratexia Galega para a Educación Dixital (Edudixital) 2020, con programas como o Club de Ciencia; o Bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía (STEMBach) ou a Semana STEM, co fin de favorecer o interese polas competencias matemáticas, científicas e tecnolóxicas. Varias das actividades da Estratexia, como a Semana STEM, promoven de xeito específico a participación das alumnas. “Todas elas son medidas que pretenden contribuír a incrementar o peso das mulleres nas áreas científicas”, salientou Balseiro.

No colexio Paradai desenvólvense hoxe actividades para todos os niveis educativos. Así, o alumnado educación Infantil participa nun xogo de pilla-pilla arredor da cadea trófica e en actividades de robótica; o de primeiro e segundo de Primaria realiza un traballo sobre alimentación saudable e xestión responsable da auga; os de terceiro e cuarto teñen actividades relacionadas coas curas de enfermería e a botánica; e os de quinto e sexto aprenderán sobre fibra óptica e ADN. Ademais, impártese un obradoiro sobre A ciencia como profesión.
 

Imaxes relacionadas