Sanidade ordena a retirada dos produtos dunha empresa láctea

Un control oficial realizado na empresa detecta incumprimentos graves que non permiten garantir a seguridade dos produtos alí elaborados
 

stes lácteos foron distribuídos en Galicia, Cataluña e Castela-A Mancha

Recoméndase ás persoas que teñan estes produtos que non os consuman e os devolvan ao punto de compra
 

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2020

A Consellería de Sanidade informou á Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN) dunha serie de incumprimentos graves detectados nun control oficial realizado na empresa Lácteos Casa Macán S.L., o que non permite garantir a seguridade dos produtos alí elaborados.

Como consecuencia desta actuación, os servizos veterinarios de Saúde Pública da zona veterinaria de Lugo da Consellería de Sanidade suspenderon cautelarmente todas as actividades da industria e interviron todos os produtos existentes na empresa láctea, ademais de ordenar a retirada das canles de distribución de todos os produtos comercializados.

Están afectados por esta alerta todos os lotes dos distintos produtos de Casa Macán como manteiga cocida de vaca, queixo D.O. Arzúa Ulloa, queixo D.O, Tetilla, queixo D.O, Arzúa Ulloa curado, queixo barra Costeño e queixo galego en rebanadas.

Recoméndase ás persoas que teñan estes produtos que non os consuman e os devolvan ao punto de compra.

Segundo a información dispoñible ata o de agora, estes lácteos foron distribuídos en Galicia, Cataluña e Castela-A Mancha.