O titular da Xunta participou nun encontro coa mocidade participante no programa Bolsas de Excelencia Mocidade Exterior de mestrado e formación profesional 2019/2020

Feijóo destaca a oportunidade das Bolsas Mocidade Exterior para que os mozos da diáspora reforcen o vínculo coa Galicia territorial

Traslada o desexo de que as vindeiras convocatorias destas bolsas permitan a un grupo aínda máis numeroso beneficiarse delas

Subliña que Arxentina é o país que máis bolseiros achega, seguido de Venezuela, Brasil, Reino Unido, Uruguai, México, Chile, Cuba, Alemaña, Panamá, Bolivia, Portugal, Costa Rica e Australia

Incide na importancia de seguir construíndo unha galeguidade universal, aberta e acolledora

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2020

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, incidiu hoxe na oportunidade que supoñen as Bolsas Mocidade Exterior para que os mozos da diáspora reforcen o vínculo coa Galicia territorial. E referiuse aos 164 mozos que participaron na última convocatoria como a proba de que Galicia é unha terra sen muros nin fronteiras.

Logo de trasladar o desexo de que as vindeiras convocatorias destas bolsas permitan a un grupo aínda máis numeroso beneficiarse delas, Feijóo subliñou que Arxentina é o país que máis bolseiros achega, seguido de Venezuela, Brasil, Reino Unido, Uruguai, México, Chile, Cuba, Alemaña, Panamá, Bolivia, Portugal, Costa Rica e Australia.

Así mesmo, cómpre salientar que cunhas idades que oscilan entre os 24 e os 31 anos, os mozos que solicitaron as bolsas de mestrado recibiron na última convocatoria unha contía que vai desde os 7.000 aos máis de 11.000 euros, dependendo do número de créditos e de se o país de orixe está en Europa.

Ao longo da súa intervención, o presidente da Xunta afirmou que con iniciativas como esta Galicia convértese “nunha oportunidade mutua”: nunha oportunidade para os que veñen, ao poder formarse en calquera das tres universidades ou nos centros de FP; e, tamén, para a propia comunidade, ao atraer talento galego do exterior, dixo, subliñando tamén a importancia de que as persoas novas e as familias da diáspora se instalen en Galicia, ante unha sociedade envellecida como a nosa.

Sobre este punto, lembrou que 2018 foi o ano con maior crecemento do retorno desde que hai rexistro, con máis de 7.000 persoas, das cales máis da metade -o 53%- menores de 45 anos.

Imaxes relacionadas