A Xunta recolle a demanda da ASEII para a instalación dun novo aseo para pacientes ostomizados na estación de autobuses de Pontevedra

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra mantivo unha reunión con este fin coa Asociación Socio Sanitaria de Enfermidade Inflamatoria Intestinal

A inclusión deste aseo é posible dentro da actual reforma da infraestrutura pontevedresa

Na provincia de Pontevedra existen un total de 2.000 persoas con bolsas de ostomías, 5.000 en Galicia

Pontevedra, 10 de febreiro de 2020

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, mantivo esta mañá unha reunión de traballo cos representantes da Asociación Socio Sanitaria de Enfermidade Inflamatoria Intestinal (ASEII) co obxectivo de recoller a demanda deste colectivo para a instalación dun aseo adaptado para pacientes ostomizados na estación de autobuses de Pontevedra que se atopa nestes intres en pleno proceso de renovación.

Cores Tourís recordou que a Xunta de Galicia está a recoller a demanda deste tipo de aseos adaptados, e nese senso, Pontevedra converteuse en 2017 na primeira área sanitaria de España en dispoñer dun aseo accesible e en condicións óptimas para as persoas portadoras dunha bolsa de ostomía, co obxectivo de dar resposta a unha demanda do colectivo que supón unha importante mellora da súa calidade de vida. Tamén se está a instalar un baño de similares características no novo edificio da Xunta en Benito Corbal.

Ademais, o delegado recolleu tamén a demanda de que se constrúa un aseo adaptado no propio edificio administrativo da Delegación Territorial da Xunta en Campolongo, como xa o ten a Delegación Territorial de Vigo. “Nestes intres, segundo nos informaron os representantes da asociación, Galicia é punteira na instalación deste tipo de baños nos edificios públicos, con case 30 en toda a nosa xeografía”, engadiu Cores Tourís.

“Esta demanda é totalmente lóxica, xa que non podemos esquecer que existen uns 2.000 pacientes portadores dunha bolsa de ostomía na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés e contabilízanse uns 5.000 a nivel autonómico, o que fai necesario que este tipo de aseos comecen a ser unha realidade en tódolos centros públicos e infraestruturas polas que transitan moitos cidadáns como é o caso da estación de autobuses”, explicou Cores Tourís, quen asegurou que a demanda deste colectivo “chega en tempo, xa que estamos en plenas obras de reforma e é o momento no que se pode incluír no proxecto”.

Tal e como explicou a asociación, o novo aseo adaptado deberá contar cun equipo de baño colgado, de maneira que se pode axustar en calquera cuarto, cunha caixa de rexistro dende a que se realizan as conexións de toda a instalación e cunhas medidas de 1,50 m de alto, 80 cm de ancho e 50 de profundidade. Será integrado nun moble que levará incorporado un mecanismo similar ao dun inodoro e dotado dunha cisterna de 10 litros, un lavabo, unha xaboeira e un espello, a través do cal os pacientes poderán visualizar a bolsa de ostomía cando teñan que manexala. Ademais, debe contar cunha ducha de auga quente sanitaria con regulación e adaptada para que os pacientes disparen o chorro cunha man e poidan ter a outra libre para coller a bolsa.

Completarase coa instalación dun mesado para que os doentes deixen os seus utensilios, un portarrolo de papel hixiénico, un cubo hermético para desfeitos contaminantes e, a maiores, un pequeno banco para que as persoas de pouca altura non teñan ningún impedimento á hora de facer uso deste lavabo.

Entre as principais causas que motivan a ostomía destacan a neoplasia de recto ou de colon, a enfermidade de Crohn e/ou enfermidades inflamatorias intestinais, os accidentes de tráfico ou as neoplasias de vexiga, entre outras.