A Xunta adxudica as obras para a execución dunha senda peonil na estrada LU-115, no polígono industrial de Outeiro de Rei, cun investimento de máis de 285.000 euros

Esta intervención impulsada pola Consellería de Infraestruturas comezará o vindeiro mes de marzo e disporá dun prazo de execución de oito meses

Trátase da construción dun itinerario de 245 metros ao carón da estrada autonómica, entre as glorietas existentes para acceso ao polígono da Matela

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2020

A Xunta adxudica as obras de execución dunha senda peonil e ciclista na estrada LU-115, no polígono industrial de Outeiro de Rei, cun investimento de máis de 285.000 euros.

Esta actuación impulsada pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé o seu inicio no vindeiro mes de marzo. O contrato foi adxudicado á empresa Construcciones Taboada y Ramos, S.L e prevé un prazo de execución de 8 meses.

As obras consisten na execución dunha senda ao carón desta estrada de titularidade autonómica, entre as glorietas existentes para acceso ao polígono industrial A Matela, entre os puntos quilométricos 1+430 e 1+720, incluída unha pasarela sobre o ferrocarril. En paralelo á estrada existe unha vía de servizo que se atopa interrompida polo vía de ferrocarril, polo que este tramo de senda permitiría a continuidade para os peóns.

A senda terá unha lonxitude total de 245 metros pola marxe esquerda xa que evita cruces na calzada, e disporá dun ancho de 2 metros transitables, incluído o bordo, en parte sobre muros para evitar ocupacións excesivas en terreos colindantes. Nesta obra executaranse tamén os elementos de drenaxe necesarios para a correcta evacuación das augas.

Na intervención se proxecta a incorporación dunha pasarela sobre o ferrocarril, adosada ao paso existente, dunha lonxitude de 16,6 metros e un ancho libre entre varandas de 2,15 metros.

As actuacións tamén inclúen a sinalización, tanto horizontal como vertical, que cómpre modificar trala execución das novas actuacións.

Con esta actuación, o departamento de Infraestruturas da Xunta ten como obxectivo fomentar o modelo de mobilidade sostible a través da dotación da senda peonil – ciclista, identificada en base a súa funcionalidade como eixo significativo de comunicación non motorizada.