A Xunta destaca ante os empresarios galegos en Madrid a aposta pola Industria 4.0 para impulsar a competitividade do tecido empresarial

O director do Igape, Juan Cividanes, participou nun encontro organizado pola Asociación de Empresarios Galegos en Madrid (Aegama)

Salienta que, para impulsar a transformación dixital e a innovación, a Xunta está a activar nos primeiros meses do ano programas de apoio por preto de 67 millóns de euros

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2020

O director do Igape, Juan Cividanes, participou esta semana nun encontro organizado pola Asociación de Empresarios Galegos en Madrid (Aegama), no que se reuniu con directivos galegos que desenvolven a súa actividade nesta cidade. Na súa intervención, salientou que o impulso na mellora da competitividade, os avances cara á implantación da Industria 4.0 e a creación de emprego de calidade son pancas necesarias para o desenvolvemento económico de Galicia e de España e lembrou o papel que nese sentido o tecido empresarial dentro e fóra da Comunidade desempeña neste sentido.

Cividanes destacou que o Goberno galego aposta por avanzar cara a eses obxectivos impulsando a transformación dixital do tecido empresarial galego e a consolidación da fábrica conectada e intelixente cos programas de apoio que se están a activar, por preto de 67 millóns de euros, nos primeiros meses do ano e dos que se poderán beneficiar tanto as empresas como os centros tecnolóxicos. Enmarcadas na Axenda Industria 4.0 e na Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia, a estas convocatorias sumaranse diferentes iniciativas durante todo o ano.

Nese sentido, o director do Igape lembrou que os orzamentos da Consellería de Economía, Emprego e Industria para 2020 se orientan ao reforzo da competitividade e a innovación do tecido produtivo, destinando 210 millóns de euros ao impulso dos grandes polos industriais galegos e a Industria 4.0. Ademais, reservan 260 millóns de euros á formación e a orientación e o impulso do emprego, facendo fincapé na mocidade, nas mulleres, no emprego autónomo e na economía social, para anticiparse aos retos do novo modelo creando emprego en máis cantidade e calidade.

Imaxes relacionadas