Un total de 164 persoas participan na OPE do Sergas para as categorías de enfermería especialista en saúde mental e traballo

Optan a un total de 32 prazas das que 30 corresponden a enfermería especialista en saúde mental e 2 para enfermería especialista en traballo

Tamén concorreron 1.028 aspirantes para cubrir 71 prazas de fisioterapeuta

Silleda (Pontevedra) 9 de febreiro de 2020

Un total de 164 aspirantes acudiron esta mañá ao Recinto da Feira Internacional de Galicia en Silleda (Pontevedra) para realizar os exames do concurso oposición correspondentes ás categorías de enfermería especialista en saúde mental e en traballo. O número de persoas admitidas foi de 133 para enfermería especialista en saúde mental das que se presentaron 120 o que supón unha participación do 90,23%. Para as prazas de enfermería especialista en traballo, concorreron 44 persoas das 54 inscritas, o que implica unha participación do 81,48%

Neste proceso selectivo ofértanse 32 prazas, das que 30 corresponden a enfermería especialista en saúde mental e 2 a enfermería especialista en traballo. Tamén hoxe se celebraron os exames para a categoría de fisioterapia, cunha convocatoria de 71 prazas ás que ser presentaron 1.028 persoas das 1.181inscritas. Isto supón unha porcentaxe de participación do 87,04%.

Como en anteriores procesos selectivos, para dar cumprimento ás esixencias de obxectividade e imparcialidade na selección das persoas aspirantes, reforzáronse as medidas de seguridade coa posta a disposición dos tribunais de selección dunha plataforma securizada para a elaboración de cada un dos exercicios da fase de oposición, garantindo deste xeito o seguimento de todo o proceso, así como a selección aleatoria e automatizada das preguntas do exame.

Oferta pública de emprego

Durante os meses de febreiro e marzo vanse celebrar os exames da fase de oposición para a cobertura de 1.492 prazas. O desenvolvemento do proceso supón un novo pulo para a atención primaria, xa que permitirá a incorporación de persoal fixo en categorías específicas de este ámbito, como médico de familia, odontólogo, pediatra, persoal de servizos xerais, ou enfermería especialista en enfermería familiar e comunitaria.

Galicia, a diferencia doutras comunidades autónomas, vén aprobando OPE anuais, de xeito ininterrompido, dende o ano 2012. Isto fixo posible que entre o ano 2012 e 2019, o Sergas ofertara 5.936 prazas. Estas ofertas son o resultado do compromiso de Sanidade para acadar maiores taxas de estabilidade laboral, o que foi posible ao esgotarse todos os anos a taxa máxima de reposición de efectivos na sanidade pública.

Segundo afirmou onte o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, se o Goberno central elimina a taxa de reposición, Galicia podería convocar arredor de 3.500 prazas na vindeira oferta pública de emprego. Isto suporía a maior oferta realizada dende o ano 2001. Segundo dixo o conselleiro, a idea é ofertar estas prazas correspondentes á OPE 2020 no primeiro trimestre deste ano.

Imaxes relacionadas