A Xunta activa a alerta laranxa por temporal costeiro nas provincias da Coruña e Lugo

No noroeste e no oeste da provincia da Coruña e no litoral de Lugo alértase dun fenómeno meteorolóxico adverso costeiro por ventos do suroeste e do sur que poden acadar forza oito

Lémbrase a necesidade de extremar as precaucións, seguir as medidas de protección pertinentes e consultar a web www.112galicia.org

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2020

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta vén de activar a alerta laranxa por un temporal costeiro nas provincias da Coruña e Lugo.

Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), o fenómeno meteorolóxico adverso costeiro de nivel laranxa comezará este domingo pola tarde e afectará ao noroeste e o oeste da Coruña e á costa da provincia de Lugo. Agárdanse ventos do suroeste e do sur que poden acadar forza 8 en torno a Bares e mar combinada do sur con ondas entre 5 e 6 metros. No resto do litoral galego a alerta será de nivel amarelo con mar combinada do sur con ondas de ata 5 metros e ventos do suroeste de forza 7.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros. Deste xeito, agárdase que se adopten as medidas oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas.

Debido ao temporal costeiro, a Xunta lembra a importancia de manterse afastados da liña de costa, isto é, de diques, rompentes, espigóns, peiraos, praias, paseos marítimos, e todas aquelas zonas que poidan ser varridas polo mar, co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos. É preciso ademais evitar aproximarse e vixiar posibles caídas de obxectos de balcóns e fiestras.

Tamén se aconsella extremar as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e revisar os cabos e amarres das embarcacións. Ademais, recoméndase consultar a páxina web do CIAE 112, que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.

Imaxes relacionadas