Almuiña afirma que se o Goberno central elimina a taxa de reposición, Galicia podería convocar arredor de 3.500 prazas na vindeira OPE de Sanidade

Máis de 330 profesionais participan hoxe na primeira OPE do Servizo Galego de Saúde para as especialidades de enfermería familiar e pediátrica

Galicia é a primeira comunidade que realiza unhas oposicións para estas categorías

Tamén se examinan hoxe os aspirantes na categoría de persoal de servizos xerais, cunha participación do 62,90% 

Silleda (Pontevedra), 8 de febreiro de 2020

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, afirmou hoxe que se o Goberno central elimina a taxa de reposición, Galicia podería convocar arredor de 3.500 prazas na vindeira oferta pública de emprego. Isto suporía a maior oferta realizada dende o ano 2001. Segundo dixo o conselleiro, a idea é ofertar estas prazas correspondentes á OPE 2020 no primeiro trimestre deste ano. Almuiña fixo estas declaracións no Recinto da Feira Internacional de Galicia en Silleda (Pontevedra), onde se desenvolve a primeira xornada de exames da oferta pública de emprego de 2019, que servirá para dar cobertura a 1.492 prazas.

Cómpre destacar que no día de hoxe celébranse as probas da primeira convocatoria que realiza o Sergas para as categorías de enfermería especialista en enfermería familiar familia e comunitaria e en enfermería especialista en pediatría. Galicia é a primeira das comunidades autónomas do Sistema Nacional de Saúde que realiza unhas oposicións para estas dúas categorías de enfermería.

Concretamente no día de hoxe, presentáronse 167 persoas das 191 inscritas para optar a unha das 30 prazas de especialistas en enfermería familiar e comunitaria, o que supón unha participación do 87,43% En canto as prazas de enfermería especialista en pediatría, concorreron 164 persoas das 187 inscritas, para cubrir 18 prazas, cunha participación do 87,70% Tamén se celebran hoxe as probas para o acceso a 126 prazas de persoal de servizos xerais nas que se inscribiron 7.530 persoas. Delas, acudiron ao exame 4.736 o que supón unha participación do 62,90%.

Mañá as 9,30 horas da mañá están convocados os aspirantes das categorías de especialistas en enfermería do traballo e enfermería de saúde mental, ademais dos opositores que optan a cubrir as prazas de fisioterapeuta.

Oferta pública de emprego

Durante os meses de febreiro e marzo vanse celebrar os exames da fase de oposición para a cobertura de 1.492 prazas. O desenvolvemento do proceso supón un novo pulo para a atención primaria, xa que permitirá a incorporación de persoal fixo en categorías específicas de este ámbito, como médico de familia, odontólogo, pediatra, persoal de servizos xerais, ou enfermería especialista en enfermería familiar e comunitaria.

Galicia, a diferencia doutras comunidades autónomas, vén aprobando OPE anuais, de xeito ininterrompido, dende o ano 2012. Isto fixo posible que entre o ano 2012 e 2019, o Sergas ofertara 5.936 prazas.

Estas ofertas son o resultado do compromiso de Sanidade para acadar maiores taxas de estabilidade laboral, o que foi posible ao esgotarse todos os anos a taxa máxima de reposición de efectivos na sanidade pública.  

Imaxes relacionadas