A Xunta inicia a próxima semana o traslado dos xulgados de Tui ao novo edificio xudicial

As unidades xudiciais iranse trasladando de xeito progresivo e está previsto que os traballos estean rematados nun prazo estimado de dúas semanas

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2020

A Xunta iniciará a próxima semana o traslado dos tres xulgados de Tui ao novo edificio xudicial. As distintas unidades iranse trasladando de xeito progresivo co obxectivo de que o proceso estea rematado nun prazo estimado de dúas semanas.

Os traballos comezarán co traslado do xulgado de Primeira Instancia e Instrución nº2, ao que seguirán o rexistro civil e os outros dous xulgados nº3 e nº1. Segundo as previsións, todas as unidades estarán trasladadas ás novas instalacións nun prazo de dúas semanas.

O novo edificio xudicial dispón dunha superficie de 1.500 metros cadrados e concentra nun só edificio os tres xulgados e tres salas de vistas con mellores condicións e 1.000 metros cadrados máis de espazo respecto as anteriores dependencias. A Xunta investiu na construción desta infraestrutura preto de 3 millóns de euros.

A obra forma parte do Plan de Infraestruturas Xudiciais posto en marcha en 2010 para mellorar as instalacións xudiciais da nosa comunidade e no que o Goberno galego leva investidos máis de 115 millóns de euros.

Ademais deste novo edificio xudicial de Tui, no marco do Plan acometéronse distintas actuacións como os xulgados da Parda en Pontevedra, xunto cos de Santiago e Ourense e a rehabilitación da Fábrica de Tabacos na Coruña.

A maior obra deste Plan e tamén a maior infraestrutura xudicial nunca feita en Galicia é a futura Cidade da Xustiza de Vigo que, unha vez rematadas as obras, albergará todas as dotacións xudiciais da cidade no antigo Hospital Xeral de Vigo.

Imaxes relacionadas