A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, mantivo hoxe un encontro coas participantes

Política Social fomenta a formación para a empregabilidade de 30 mozas con resultados reais de inserción laboral

Esta actividade estivo composta por unha parte formativa e outra de prácticas non laborais en empresas

Máis do 80% das empresas participantes consideran a posibilidade de contratar nun futuro á candidata proposta

Ourense, 7 de febreiro de 2020

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, acompañada da presidenta da Asociación de Executivas de Galicia, Carla Reyes, mantivo esta mañá un encontro coas participantes no programa Fomento do emprego xuvenil feminino posto en marcha polo Goberno galego en colaboración con esta entidade. Alí destacou a boa acollida desta iniciativa que permitiu a 30 mozas recibir formación e realizar prácticas non laborais. A directora xeral, que tamén fixo entrega dos diplomas, agradeceu a colaboración das empresas que formaron parte do proxecto como Aceites Abril, onde tivo lugar o acto.

A valoración desta iniciativa por parte das participantes foi moi positiva. O 100% delas consideran que este programa axuda a mellorar a inserción laboral das mulleres novas, mentres máis do 60% vense con posibilidades de traballar na empresa na que fixo as prácticas non formativas. De feito, preto dunha decena das participantes integráronse ao mundo laboral durante o desenvolvemento desta iniciativa. Por parte das empresas, a acollida tamén foi satisfactoria, máis do 80% estudarán a posibilidade de contratar nun futuro á candidata proposta.
O Goberno galego aposta por esta iniciativa que impulsa o coñecemento e a experiencia práctica das mozas galegas e portuguesas de entre 18 e 30 anos na súa transición entre o ámbito educativo e o mercado laboral. Neste sentido, o programa está composto por unha fase de formación na que se imparten dous talleres: un de mellora das competencias persoais e das habilidades para o emprego e outro no que se incide na mellora de ferramentas para a busca de traballo, como son o currículo vitae ou as entrevistas persoais. Estas xornadas teóricas realizáronse nos Espazos Xove de Ourense, Vilagarcía e Betanzos durante o mes de novembro.
A segunda parte da actividade consistiu na realización de prácticas formativas non laborais en empresas. Impartíronse en Galicia e tivo unha duración de quince días ao longo da segunda quincena do mes de novembro de 2019. O programa trata de escoller unha empresa adaptada ao perfil do solicitante e fai un seguimento individualizado da súa formación. As compañías que se ofertaron pertencen a diferentes sectores como o industrial, a alimentación, o turismo ou a hostalería, entre outros.

Proxecto Lidera

Esta iniciativa enmárcase no proxecto Catalizador de oportunidades de emprego e emprendemento xove transfronteirizo (acrónimo Lidera), aprobado ao abeiro do programa Interreg V A España Portugal 2014-2020 (POCTEP), un proxecto que ten como obxectivo promover o desenvolvemento económico transfronteirizo a través das capacidades laborais e de emprendemento dos mozos e mozas do territorio. Conta cun orzamento de 1,4 millóns euros cunha cofinanciación dun 75% de fondos Feder e unha duración de catro anos (2016-2019).

Dentro do proxecto Lidera, esta acción formativa forma parte da actividade Crece que ten como obxectivo provocar un coñecemento, proceso e contexto de traballo en rede, no que se involucren os distintos actores e reactivos do territorio a través da xeración de espazos de desenvolvemento local no ámbito de influencia do proxecto.

Son socios do proxecto: a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, a Fundación Galicia Europa, a Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servicios e Navegación de Santiago de Compostela, o Instituto Português do Desporto e da Juventude (IPDJ), a Federación Nacional de Asociaciones Juveniles Portuguesas (FNAJ) e a Comunidade Intermunicipal do Ave.

Imaxes relacionadas