O Instituto Galego de Formación en Acuicultura acolle ao exemplar de lobo mariño cinsento 'Silbur' para a súa recuperación

A súa estadía nas instalacións do centro dependente da Consellería do Mar durará unhas semanas antes de ser embarcado para a súa liberación en alta mar

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2020

O Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa), dependente da Consellería do Mar, acolle desde hoxe ao exemplar de lobo mariño cinsento Silbur para a súa recuperación. Esta acción forma parte da colaboración que vén mantendo desde o ano 2003 a Xunta, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, coa Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma), para a recuperación dos mamíferos mariños que chegan ás costas galegas en mal estado ou feridos.

O animal, de 110 centímetros de lonxitude e 27 quilos de peso, foi atopado o pasado 21 de xaneiro no porto de Burela con síntomas de deshidratación e con varios traumatismos. Ademais, negábase a volver ao mar, polo que foi trasladado á UCI de lobos mariños do establecemento veterinario que a Cemma ten en Nigrán.

A súa evolución foi favorable, o que lle permitiu gañar peso e quedar fóra de perigo, polo que superou a primeira fase da recuperación e se procedeu a trasladalo ao Igafa para superar a segunda fase, a previa á súa liberación.

Deste xeito, Silbur permanecerá varias semanas nun tanque exterior de gran tamaño do Igafa e posteriormente será embarcado para a súa solta en alta mar. A manutención e a atención sanitaria do mamífero corresponderalle á Cemma, que contará coa participación voluntaria do alumnado e demais persoal do centro dependente da Consellería do Mar. De feito, a estadía deste exemplar de lobo mariño aproveitarase para formar aos estudantes en aspectos relacionados co coidado dos mamíferos mariños.

Cabe lembrar que o Igafa xa ten participado na recuperación de nove exemplares de crías de lobos mariños nos anos 2013, 2014, 2016, 2017, 2018 e 2019. Estas colaboracións serven como actividade didáctica para a concienciación medioambiental e de adquisición de coñecementos para o mantemento e a recuperación de especies mariñas. O último exemplar que pasou polo Igafa antes de Silbur foi Barizo, unha cría de lobo mariño cinsento que chegou ás instalacións do centro o 6 de febreiro do ano pasado e foi liberado un mes despois en augas de Gran Sol tras completar favorablemente a súa recuperación.

Imaxes relacionadas