Medio Ambiente analizará proxectos de colaboración ambiental coa Organización Xuvenil Española para impulsar un Xacobeo 2021 máis sostible

A conselleira Ángeles Vázquez reuniuse esta mañá co presidente nacional de OJE, Juan José Domínguez Navarro, e o presidente rexional, Ramón Páez Álvarez, para coñecer as iniciativas desta organización xuvenil de voluntariado

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2020

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, avanzou esta mañá ao presidente nacional da Asociación Xuvenil Española (OJE), Juan José Domínguez Navarro, e o presidente rexional, Ramón Páez Álvarez, que o departamento que dirixe estudará a posibilidade de establecer colaboracións no eido medio ambiental e de voluntariado.

Os representantes desta asociación trasladaron á conselleira a súa intención de apostar por desenvolver actividades na Comunidade galega, con motivo da vindeira celebración do Xacobeo 2021, co fin de achegar aos seus socios os valores naturais e medio ambientais que atesouran os diferentes itinerarios das rutas xacobeas en Galicia.

A conselleira de Medio Ambiente mostrouse interesada polas distintas iniciativas e programación de OJE, sobre todo en aquelas que están relacionadas coa mellora dos espazos naturais, fomento da conservación do patrimonio natural e coa xestión de residuos. Neste sentido, solicitou aos representantes de OJE que remitiran información dos distintos proxectos para estudar as posibilidades de colaboración e poder deseñar actividades de voluntario que se centren principalmente no eido medio ambiental.

Ángeles Vázquez sinalou que o departamento que dirixe persegue obxectivos que coinciden coa filosofía desta asociación de voluntariado, como acadar unha sociedade máis comprometida coa protección do medio ambiente, actuando desde as idades máis temperás e abordando esta formación e o seu contido, desde unha vertente lúdica e adaptada ás idades dos distintos participantes.

Imaxes relacionadas