A Xunta somete a información pública o proxecto de acceso ao parque empresarial de Beariz, que suporá un investimento autonómico de máis de 380.000 euros

A actuación ten por obxectivo darlle operatividade ao futuro polígono de Lebozán

As persoas interesadas neste proxecto poderán presentar as súas achegas desde o vindeiro luns, día 10, e ata o 24 de marzo

Executarase unha intersección que permite todos os movementos con cuñas de aceleración e deceleración, así como un carril central de espera para os xiros dende a estrada autonómica cara ao futuro parque empresarial

O deseño adáptase ás particularidades da contorna aproveitando as estruturas existentes sobre un regato afluente do Rego de Ponte da Pedra
 

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, publica hoxe no Diario Oficial de Galicia o anuncio polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción do acceso ao parque empresarial de Lebozán, en Beariz, desde a estrada OU-212, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios necesarios.
Esta actuación ten por obxectivo darlle operatividade ao futuro parque empresarial de Lebozán e dispón dun orzamento autonómico superior aos 380.000 euros, destinándose ao pago dos terreos necesarios para execución das obras máis de 5.000 euros.
A conexión vén así concretar a proposta contemplada no Plan Especial de creación de Solo Industrial neste concello ourensán, desenvolvendo a solución prevista no informe de Sustentabilidade Ambiental do citado plan especial.

As persoas interesadas poderán presentar achegas ao proxecto desde o próximo luns día, 10 e ata o vindeiro 24 de marzo. Esta información poderase ampliar no seguinte enlace ao DOG: http://bit.ly/387ygBs.

O proxecto prevé a implantación dun novo acceso á estrada OU-212 entre os puntos quilométricos 1+542 e 1+771 na súa marxe esquerda.


A solución desenvolvida polo departamento de Infraestruturas da Xunta é a resultante da realización previa dunha análise de 6 alternativas dende o punto de vista da súa xeometría, funcionalidade e seguridade viaria.

Para iso, proxectase unha intersección que permite todos os movementos con cuñas de aceleracion e deceleración de 30 metros de lonxitude, así como un carril central de espera para os xiros dende a estrada OU-212 cara ao futuro parque empresarial.

O deseño adáptase ás particularidades da contorna aproveitando as estruturas existentes sobre un regato afluente do Rego de Ponte da Pedra e respectando os parámetros mínimos indicados na normativa.

No proxecto prevese unha canalización baixo a berma que serve de protección contra os desprendementos de terras, en previsión da necesidade futura de darlle continuidade a iluminación viaria do parque empresarial.
 

Imaxes relacionadas