A Xunta aposta por unha formación especializada en mediación intraxudicial dos profesionais de dereito de familia

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, participou esta mañá na apertura das V Xornadas de Dereito de Familia

O Goberno galego destinou nos últimos anos máis de 2 M€ á implantación deste sistema, que comezou en 2009 e xa funciona nas sete cidades galegas

A Coruña, 7 de febreiro de 2020

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, destacou hoxe o compromiso da Xunta pola mediación intraxudicial no ámbito familiar como solución alternativa para a resolución de conflitos evitando chegar ao procedemento xudicial. Na súa intervención na apertura das V Xornadas de Dereito de Familia, incidiu na importancia de que os profesionais dedicados a este ámbito conten cunha formación especializada en materias como a mediación.

Juan José Martín sinalou que a mediación supón importantes beneficios para os cidadáns, porque permite restablecer vías de diálogo interrompidas e rebaixar a conflitividade, o que resulta de especial relevancia naqueles casos nos que é preciso manter unha relación futura entre as partes despois da resolución do conflito.
O Goberno galego investiu máis de 2 millóns de euros desde a posta en marcha deste sistema, que na actualidade está implantado en tódalas cidades galegas e en partidos xudiciais limítrofes, de forma que unha vintena de órganos xudiciais xa derivan asuntos á mediación familiar.

Desde que comezou a experiencia mediadora intraxudicial no ano 2009 ata a actualidade, os xulgados de familia derivaron a mediación uns 3.000 asuntos. A Xunta considera que é unha vía necesaria para que a xudicialización non supoña unha carga adicional para os xulgados nas materias nas que a súa intervención non sempre está xustificada.

Ademais, a Administración autonómica traballa co Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), a Fiscalía Superior de Xustiza de Galicia, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e os colexios de avogados da nosa comunidade para impulsar programas de mediación, aos que a Administración autonómica destina uns 240.000 euros anuais.

O director xeral de Xustiza subliñou tamén a importante actividade que desenvolven os equipos psicosociais da xustiza que interveñen nos procesos de familia. Nesta liña, o Goberno galego reforzou nos últimos anos o persoal destes equipos coa incorporación de 14 novas prazas en 2017 ata acadar un total de 34 psicólogos e traballadores sociais que integran 17 equipos nas Subdireccións do Imelga na Coruña, Santiago, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.