A Xunta sinala a vocación de Anthony Carro como fonte de inspiración para construír a Galicia do futuro sobre as bases da investigación e a innovación

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asistiu hoxe en Madrid á entrega do ‘Premio Gallego del Año’, na que os xornalistas galegos na capital española homenaxearon ao delegado da NASA en España

Conde destaca o Polo Aeroespacial de Galicia como a aposta galega polo talento e a innovación

Madrid, 6 de febreiro

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asistiu hoxe á entrega do Premio Gallego del Año organizado polo Club de Periodistas Gallegos en Madrid e na que se galardoou ao galego Anthony Carro, delegado da NASA en España e natural do municipio de Ortigueira (A Coruña). Conde subliñou que a vocación de Carro debe servir como fonte de inspiración para construír a Galicia do futuro sobre as bases da investigación e a innovación.

Conde, que agradeceu aos xornalistas galegos en Madrid os seus 35 anos divulgando o orgullo de ser galego, subliñou a destacada traxectoria de Anthony Carro e asegurou que representa a determinación, esforzo e compromiso que nos definen.

Na súa intervención, o conselleiro explicou que os protagonistas do futuro serán os profesionais mellor cualificados e que, como fixo Carro ao longo da súa vida laboral, teñan un enorme afán por descubrir. Neste sentido, Conde puxo como exemplo da aposta galega polo talento e a innovación o Polo Aeroespacial de Galicia, un referente no sector de vehículos non tripulados no que traballan máis de 400 profesionais en 35 proxectos de I+D+i e que usa a Compra Pública Innovadora para contar con solucións innovadoras e servizos eficientes.

Conde finalizou destacando que a innovación e a investigación son dúas das chaves que servirán para abrir as portas do futuro, xunto co impulso do talento galego.