O presidente da Xunta participou esta tarde no acto de presentación da Estratexia de humanización da asistencia sanitaria Preto de ti

Galicia seguirá traballando nunha Sanidade Pública centrada nas persoas cunha folla de ruta que marcará a Estratexia de humanización

Feijóo incide en que este modelo é fundamental para o traballo dos profesionais, para o coidado e recuperación dos pacientes e para a tranquilidade dos acompañantes

Subliña o compromiso no deseño dunha vestimenta que sexa máis respectuosa coa intimidade e o pudor das persoas hospitalizadas, ao tempo que permita a funcionalidade axeitada

Destaca que a Administración autonómica está a traballar tamén para, sempre que sexa posible, evitar os desprazamentos innecesarios dos pacientes, co obxectivo de que a Hospitalización a Domicilio chegue a todo o territorio galego

Salienta que o pasado ano realizáronse 3 millóns de consultas telefónicas, o que evitou 3 millóns de desprazamentos para citas presenciais

Refírese á unidade Pediátrica do Hospital Público Álvaro Cunqueiro como exemplo de que os hospitais galegos están cambiando para ser, cada vez, centros máis pensados para a atención integral das persoas

Vigo, 6 de febreiro de 2020

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, aseverou hoxe que Galicia seguirá traballando nunha Sanidade Pública centrada nas persoas, na que primen o trato persoal entre os profesionais da medicina e os pacientes, a salvagarda da dignidade do paciente, a súa autonomía e a comunicación.

Durante a presentación da Estratexia de humanización da asistencia sanitaria Preto de ti, no Complexo Hospitalario Universitario Álvaro Cunqueiro, Feijóo incidiu en que este modelo é fundamental para o traballo dos profesionais, para o coidado e recuperación dos pacientes e para a tranquilidade dos acompañantes. E garantiu a plena implicación da Administración autonómica para acadar este obxectivo, cunha folla de ruta común para o conxunto do sistema, na que se integren os proxectos de humanización que xa se están a levar a cabo nos hospitais públicos galegos, co esforzo colectivo dos profesionais, pacientes e entidades.

Ao longo da súa intervención, o titular do Executivo autonómico lembrou que son xa moitas as iniciativas que se están a levar a cabo grazas ao compromiso dos profesionais e doutros axentes, cos que o Servizo galego de saúde está a colaborar para humanizar cada vez máis a sanidade pública. Así, por exemplo, recordou as iniciativas en colaboración coa Fundación María José Jove, coa Asociación Española contra el Cáncer e coa Fundación Andrea, entre outras.

Así mesmo, referiuse a outros proxectos postos tamén en marcha por profesionais sanitarios, pacientes e entidades: como a horta que está a disposición dos pacientes e acompañantes do Hospital Público de Ourense; os pequenos coches teledirixidos que levan a quirófano aos nenos do Hospital de Santiago e do da Coruña; ou os programas de voluntariado para o acompañamento en hospitais e centros de saúde.

“E habilitáronse salas de lactancia materna en todas as áreas sanitarias e creáronse bancos de leite materna tanto en Santiago como en Vigo, que recollen o leite de nais doantes de varias áreas sanitarias de Galicia”, engadiu, subliñando, por outra banda, a elaboración para as 7 áreas sanitarias dun proxecto tanto de iconografía con pictogramas como de realidade simulada, destinado a aqueles pacientes con trastorno do espectro autista (TEA).

Feijóo resaltou tamén que o Gran Montecelo foi o primeiro hospital de España en contar con aseos adaptados para pacientes ostomizados, “e hoxe están presentes en todos os hospitais de Galicia”. E enxalzou a traxectoria da Comisión Galega de Estratexia contra a Dor, creada en 2012 para mellorar a calidade de vida das persoas con dor e dos seus achegados.

Evitar desprazamentos innecesarios aos pacientes

“E estase a traballar para, sempre que sexa posible, evitar desprazamentos innecesarios”, dixo, destacando o compromiso de que a Hospitalización a Domicilio chegase en 2021 –en apenas un ano– a todo o territorio galego.

Nesta mesma liña, salientou que o pasado ano realizáronse 3 millóns de consultas telefónicas, o que evitou 3 millóns de desprazamentos para citas presenciais. E a implantación de novas ferramentas TIC como o modelo de control teleasistido TELEA, permite seguir e controlar aos pacientes crónicos desde a Atención Primaria –nos últimos dous anos a case 2.800 pacientes de 277 centros de saúde-.

E, tamén cómpre destacar a utilidade da Tarxeta AA (dobre A) para facilitar a atención aos pacientes que a portan, como é o caso daqueles con trastornos relacionados co espectro autista, alzhéimer, parálise cerebral ou discapacidade intelectual grave asociada a trastornos de conducta ou problemas de comunicación -en total, máis de 9.500 persoas contan con esta tarxeta en Galicia-.

Ademais do compromiso no deseño dunha vestimenta que sexa máis respectuosa coa intimidade e o pudor das persoas hospitalizadas, ao tempo que permita a funcionalidade axeitada, Feijóo aseverou que tamén se está a traballar para que os acompañantes conten con lugares onde gardar as pertenzas durante a estancia coa persoas enferme ou onde poder cargar os seus dispositivos electrónicos.

Para incrementar a participación da cidadanía no sistema de saúde, o presidente da Xunta destacou a posta en funcionamento do Consello Asesor de Pacientes, conformado por 90 asociacións de pacientes e cuxa función é asesorar ao Servizo Galego de Saúde para que este, á súa vez, se adapte o máximo posible ás necesidades dos pacientes.

Cada área sanitaria conta cun consello deste tipo para que a xestión da sanidade estea o máis preto posible das persoas que fan uso dela.

Ademais da creación dun repositorio de boas prácticas no eido da humanización para que as iniciativas que funcionan inspiren a todos os profesionais sanitarios, Feijóo subliñou que co fin de que os profesionais desenvolvan o seu traballo no mellor ambiente posible, estase a traballar, entre outras cousas, nun Plan de Igualdade, dirixido a evitar calquera tipo de discriminación laboral.

Feijóo concluíu referíndose á unidade Pediátrica do Complexo Hospitalario Universitario Álvaro Cunqueiro como exemplo de que os hospitais galegos están cambiando para ser, cada vez, centros máis pensados para a atención integral das persoas. Así, esta área conta con diferentes recursos non só para tratar aos máis pequenos, senón tamén para facelos sentir o mellor posible, cun ambiente adaptado á súa idade nun momento das súas vidas duro para eles e para as súas familias.

Con este obxectivo creouse un patio de recreo con xogos para diferentes idades, mantéñense convenios con distintas asociacións e ONG que achegan entretemento a esta planta, e abriuse a UCI pediátrica e a de neonatos para os proxenitores durante as 24 horas do día. Todas estas iniciativas, sumadas ao Banco de Leite Materna ou á Unidade de Traballo de parto e recuperación, son tamén elementos que ofrecen tranquilidade ás nais e pais.

Imaxes relacionadas