A conselleira do Mar reuniuse coa secretaria xeral de Pesca do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación

Galicia solicita a implicación do Ministerio de Pesca para defender ao sector ante o posible "efecto dominó" que xeraría a reforma do regulamento de Costas

A Xunta alerta do conseguinte prexuízo que causaría no sector produtor tanto a hiperrestritiva aplicación actual da normativa como a súa modificación tendo en conta o volume de moluscos que Galicia depura e transforma nas industrias directamente afectadas

Rosa Quintana lembrou que a estrita interpretación da normativa xa está a afectar a algunhas empresas que viron como a renovación da prórroga das súas concesións se producía por un tempo inferior a un ano

A Xunta defende a flexibilidade e a axilidade na aplicación do futuro Fondo Europeo Marítimo e de Pesca co obxectivo de que non prexudique á súa execución como está a acontecer co actual

Madrid, 6 de febreiro de 2020

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, expuxo hoxe á secretaria xeral de Pesca do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Alicia Villauriz, a preocupación de Galicia ante o “efecto dominó” que poden ter no complexo mar-industria tanto a estrita aplicación actual do regulamento de Costas como a modificación que ten previsto facer o Estado.

Nesta liña, a conselleira solicitou a implicación deste departamento para defender os intereses da cadea mar-industria de Galicia e fixo fincapé na dependencia entre os sectores produtor e transformador, pois boa parte da produción dos pescadores, mariscadores e bateeiros ten que pasar pola industria transformadora e, se non existe seguridade xurídica na actividade, o seu futuro verase comprometido. Así llo trasladou a titular de Mar á representante do Goberno central nunha reunión mantida hoxe en Madrid e solicitada pola conselleira para abordar diferentes temas de interese e inquedanzas de Galicia.

Neste encontro a conselleira lembrou que a reforma prevista da normativa de Costas podería afectar á viabilidade de máis dun cento de empresas da cadea-mar industria en Galicia, entre elas conserveiras, cocedoiros ou depuradoras. De aí, sinalou, a necesidade fundamental de que o Executivo estatal aclare por escrito se a modificación do Regulamento Xeral de Costas está paralizada e, no caso de que así sexa, que determine cales son os criterios que serán de aplicación en relación a esta normativa.

Nesta liña a conselleira puxo en coñecemento da secretaria xeral os temores e dúbidas suscitados en Galicia ante a intención da Vicepresidencia de Transición Ecolóxica de reformar a lexislación sen desbotar a idea de retomar a súa tramitación en calquera momento. Tamén lle trasladou a preocupación ante o feito de que o Estado estea a aplicar xa de xeito hiperrestritivo o regulamento en vigor, malia que non se ten producido aínda a modificación na que veu traballando, o que está a afectar xa a algunhas empresas que viron como a renovación das prórrogas das súas concesións se producía por un tempo inferior a un ano.

Ante este escenario, e tal e como lle expuxo a conselleira á secretaria xeral, a Xunta solicita que se garanta ao máximo o principio de seguridade xurídica e que os distintos operadores afectados non queden expostos a decisións arbitrarias e cambios de criterio en función do Goberno de turno que inciden na súa actividade. Ademais, Rosa Quintana lembrou na xuntanza que o Executivo autonómico leva advertindo desde abril do ano pasado da inseguridade xurídica xerada a raíz da proposta de modificación do Regulamento Xeral de Costas e que a Xunta enviou misivas ao Ministerio para a Transición Ecolóxica sen que o Estado clarificase a situación.

Fondo Europeo Marítimo e de Pesca

Outro dos principais temas tratados no encontro foi o futuro Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, que abarcará o período 2021-2027 e sobre o que Galicia recolleu as súas principais demandas no ditame do Comité Europeo das Rexións, liderado pola comunidade autónoma galega co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, á cabeza e aprobado por unanimidade neste organismo.

Unha das principais demandas de Galicia de cara a este fondo é a da flexibilidade e axilidade na súa aplicación co obxectivo de que non prexudique á súa execución como está a acontecer co actual. Neste sentido, Rosa Quintana expuxo a Alicia Villauriz a necesidade de incorporar medidas de simplificación que permitan unha execución e demanda máis fácil por parte dos profesionais do sector.

Ademais, a titular de Mar explicou que o nivel de execución está condicionado por diferentes aspectos, entre eles a demora na publicación do regulamento europeo polo que se rexe o fondo e os seus estritos requisitos que limitan a posibilidade de acceso ás axudas por parte dos posibles beneficiarios. Outros condicionantes na execución que destacou a conselleira, e que están relacionados co Goberno central, son as autorizacións para a realización de actuacións de rexeneración marisqueira no ámbito de dominio público marítimo-terrestre e as concesións para a localización de instalacións vinculadas á industria auxiliar, transformadora ou acuícola, entre outros.

Entre os aspectos que preocupan a Galicia en relación con este fondo tamén está o artigo referente ás sancións de pesca ilegal, non declarada e non regulamentada que obrigou a inadmitir axudas a algunhas confrarías. Ante esta situación, a comunidade autónoma galega defende a mellora da súa redacción para impedir que a aplicación da normativa ocasione prexuízos ao sector.

Neste sentido, Rosa Quintana transmitiu a Alicia Villauriz a necesidade de aclarar e modificar cuestións fundamentais relacionadas coa Secretaría Xeral de Pesca como a Lei de Pesca Marítima do Estado. Esta normativa, á que está suxeita a Lei de Pesca de Galicia, tipifica como infracción grave a venda dalgún produto pesqueiro de talle ou peso inferior ao regulamentario, un feito difícil de evitar nas lonxas das confrarías que traballan con grandes volumes de marisco.

Na reunión a conselleira e a secretaria xeral tamén abordaron outros temas como o brexit, ante o que Galicia defende que a actividade quede ligada ao acceso mutuo ao recurso, ás zonas pesqueiras e ao mercado. A situación da frota palangreira e a realidade do sector do marisqueo en relación á potencia das súas embarcacións tamén estiveron entre os asuntos analizados neste encontro.

Imaxes relacionadas