Ovidio Rodeiro destaca o investimento de máis de 126M€ nos distintos plans, programas e actuacións da Xunta na área de Santiago en 2019

A Xunta destina máis de 31 millóns de euros a obras, a saneamento, a sendas peonís e a reforzos de firmes

O representante do Goberno autonómico informou que as tres principais liñas de axudas no eido social contaron con 8,2M€ dos cales 2,7 destináronse á cidade

O delegado da Xunta e o seu equipo de xefes territoriais mantiveron un encontro de traballo na Coruña dedicado a esta comarca

Boqueixón (A Coruña), 06 de febreiro de 2020

O delegado territorial da Coruña, Ovidio Rodeiro, e o seu equipo de xefes territoriais da Xunta de Galicia da provincia mantiveron, esta mañá, un encontro de traballo no Pazo de Quián de Boqueixón. O motivo do encontro, segundo apuntou o representante do Goberno autonómico, foi “trasladar ao territorio o noso traballo e dedicar á cidade de Santiago e área unha xornada monográfica para analizar o que se fixo, o que estamos facendo e o que imos facer nesta área” (Ames, Arzúa,A Baña, Boimorto, Boqueixón, Brión, Dodro, Frades, Melide, Negreira, Ordes, Oroso, Padrón, O Pino, Rois, Santa Comba, Santiago de Compostela, Santiso, Teo, Toques, Tordoia, Touro, Trazo, Val do Dubra e -Vedra)

Neste senso, Rodeiro recalcou que “estas xornadas, que se van repetir de forma periódica, teñen como obxectivo estar preto de aqueles asuntos que son de interese para os alcaldes e os veciños e, no caso de que fose preciso, coñecelos de primeira man”.

Neste primeiro encontro fíxose un balance dos principais investimentos e programas da Xunta nesta área no 2019 e repasáronse algúns dos proxectos de futuro comprometidos pola Xunta para esta comarca.

Ovidio Rodeiro informou que nos principais programas, axudas e investimentos o Goberno Autonómico leva investidos na área de Santiago 126 millóns de euros. Na cidade neste período a Xunta investiu 49 millóns de euros.

Ademais, recalcou que “a creación de emprego, a prestacións de servizos sociais de calidade e a mellora das infraestruturas foron e seguen sendo as prioridades do goberno galego en Santiago”

Infraestruturas

Un dos temas analizados no encontro foi a mellora das infraestruturas na comarca, o delegado territorial destacou que “a Xunta de Galicia destina máis de 31 millóns de euros a obras, saneamento, sendas peonís e reforzos de firmes”. Neste punto, lembrou que “un dos investimentos máis importantes que estamos executando é avanzar nas obras da Intermodal nas que a Xunta achega 12 millóns e que contará no 2020 con máis de 7 millóns de euros para darlle o impulso definitivo”.

Ademais, en diferentes actuacións en mellora dos firmes das estradas autonómicas nesta área estamos executando máis de 1,7 millóns e outros 2 millóns en sendas peonís e ciclistas en Ames, Dodro, Ordes e Santiago de Compostela.

O representante do Goberno autonómico tamén lembrou o importante esforzo económico que se está realizando para poñer ao día todos os Camiños de Santiago cun investimentos que superan os 6,3 millóns de euros. Ademais, recalcou o gran avance que supuxo a posta en marcha o ano pasado da Variante de Aradas na que a Xunta investiu máis de 6,9 millóns de euros.

O delegado territorial falou tamén éxito do plan de transporte metropolitano que nesta área conta con 65.421 tarxetas expedidas que supuxeron unha achega da Xunta en 2019 de 3,05 millóns de euros. Nesta comarca tamén están activas 10.400 tarxetas Xente Nova para menores de 19 anos, que dende o mes de xaneiro xa se ampliou a súa gratuidade ata os 21 anos.

Ovidio Rodeiro fixo un detallado repaso polos programas que a Xunta de Galicia reforza en Santiago para apoiar aos desempregados. Dende o Goberno autonómico destínase no 2019-2020 ao redor de 10,1 millóns de euros a programas de formación para desempregados (2.292 prazas – 6,1 millóns de euros), incentivos á contratación (292 novos contratos subvencionados – 2,3 millóns de euros), axudas aos autónomos (386 autónomos apoiados con 1,2 millóns de euros) e 527.000 euros para apoiar a mellora dos parques empresarias de Santa Comba, Dodro, Boqueixón, Ordes, Oroso e Ames.

Servizos Sociais

O delegado territorial informou do esforzo económico que se realiza no eido social para atender as necesidades das persoas que peor o están pasando. Aínda que esta é unha competencia dos concellos o apoio da Xunta é fundamental para que se poidan atender a todas as persoas que peor o están pasando. Neste punto, lembrou os máis de 8,2 millóns de euros que destina anualmente a Consellería de Política Social aos tres principais programas de apoio que prestan os concellos ás persoas que máis o necesitan. Concretamente, referiuse ao pago do SAF (Axuda a Domicilio) 4,8 millóns de euros para a comarca dos cales 1,1 millóns de euros son para a cidade, aos 2,2 millóns que se reservan para abonar a RISGA a 420 persoas da comarca dos cales 1,4 millóns de euros son para atender 263 beneficiarios de Santiago. A isto hai que engadirlle case un millón de euros do Plan Concertado que son as axudas aos municipios para contratar persoas que traballen con eido social.

Neste punto, Ovidio Rodeiro recalcou que outro dos servizos importantes que se prestan dende o Goberno galego son as axudas de emerxencia social para apoiar os casos de necesidades máis urxentes. Concretamente, a Xunta de Galicia na comarca de Santiago atendeu en 2019, 187 situacións de emerxencia das cales 136 familias eran da cidade de Santiago.

En relación cos apoios para evitar desafiuzamentos a través do Programa Reconduce Alugueiros e Reconduce Hipotecas, Ovidio Rodeiro destacou que “só en 2019 a Consellería de Política Social pechou na comarca 44 casos dos cales 19 foron na cidade para axudar ás persoas que non puideron pagar as súas hipotecas ou os seus algueiros. Para o delegado territorial “é importante poñer en valor este tipo de investimentos porque grazas ao apoio da Xunta os concellos teñen os cartos que precisan para actuar neste tipo de casos urxentes e de máis necesidade”.

Infraestruturas sanitarias

No encontro cos xefes territoriais tamén se analizaron os investimentos para mellorar os servizos sanitarios aos 25 concellos de Santiago. O delegado territorial lembrou que, “neste momentos estamos investindo 5 millóns de euros nos novos centros de saúde de Milladoiro e Melide. Ademais, destacou que estamos licitando as obras do centro de saúde de Bertamiráns e en fase de supervisión de proxecto a ampliación do centro de saúde de Conxo e a unidade de saúde mental.

Pero sen dúbida o gran avance no eido sanitario serán os investimentos que a Xunta realizará na renovación do complexo hospitalario universitario de Santiago. Neste momento está adxudicada a redacción do proxecto que contempla a creación de 2 novos edificios e que terá un custe aproximado de 50 millóns de euros.

No eido da Educación a Xunta de Galicia realizou e continúa executando obras en centros educativos. Concretamente, na cidade de Santiago a Consellería de Educación realizou no ano 2019 obras cun orzamento global de máis de 3 millóns de euros sendo as máis importantes a ampliación do novo aulario Lamas de Abade cun millón de euros ou a rehabilitación integral do CEIP Raíña Fabiola (con máis de 600.000 euros). Ademais este ano 2020 acometerase a rehabilitación enerxética do CEIP Monte dos Postes, para o que se prevé un investimento de máis de 700.000 euros.

No encontro tamén se falou dos proxectos da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza que deixaron no 2019 na comarca, entre as ordes de Infraestruturas e do Fondo de Compensación Ambiental máis de 698.000 euros para 26 obras. Estes fondos van destinados a financiar iniciativas orientadas á conservación da biodiversidade, ao impulso da eficiencia, ao uso sostible das enerxías renovables e á restauración e reposición do medio ambiente e reequilibrio territorial.

A estas partidas hai que engadir as achegas do Fondo de Cooperación Local que roldan nesta área os 11 millóns de euros para toda a comarca. So na cidade de Santiago esta Consellería aporta 3,5 millóns de euros para que o Concello poida prestar os seus servizos. Neste senso, o delegado territorial apuntou que “fronte a unha administración que cumpre e paga aos concellos para que poidan afrontar os gastos que teñen no seu día a día, seguimos agardando a que o Goberno do Estado pague a débeda que ten con Galicia”.

Na reunión tamén se analizaron as axudas que dende a Consellería do Medio Rural se destinan a particulares e empresas para fixar poboación no rural. Neste punto, recalcou que “o noso obxectivo é que ningún proxecto que o precise se quede sen financiamento”. Concretamente, entre a PAC e as principais liñas de achegas para os distintos programas “temos comprometidos na comarca máis de 37,8 millóns de euros para axudar a que todo aquel que teña un proxecto no rural o poida levar a cabo”, puntualizou Ovidio Rodeiro.

Imaxes relacionadas