O conselleiro do Medio Rural respondeu no Pleno do Parlamento a diversas preguntas relacionadas coa actividade do seu departamento

A Xunta lembra que todos os concellos galegos sumados ao convenio de protección das aldeas poden limpar parte das súas faixas secundarias con cargo ao acordo

José González sinalou que este mes enviarán a todos os municipios adheridos as novidades da nova addenda ao convenio, entre as que se atopa a limpeza de ata 5 hectáreas de superficie e unha rebaixa dos trámites administrativos

En relación a unha pregunta sobre o envío de cartas aos agricultores e gandeiros, o conselleiro xustificou a solicitude de datos aos beneficiarios de achegas na necesidade de ter información actualizada sobre as explotacións, salientando que se cumpre estritamente coa normativa de protección de datos

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2020

A Xunta comezará a enviar este mes comunicacións sobre as últimas novidades do convenio de protección das aldeas aos 252 concellos adheridos, que representan o 80% por cento do total de municipios galegos. Deste xeito, lembraralles que poderán limpar parte das súas faixas secundarias con cargo ao acordo asinado entre o Goberno galego, a Fegamp e a empresa pública Seaga, mediante execucións subsidiarias para a xestión de biomasa en ata 5 hectáreas. Isto beneficiará aos concellos sumados ao sistema que non contan con parroquias priorizadas.

Así o sinalou hoxe no Pleno do Parlamento galego o conselleiro do Medio Rural, José González, en resposta a unha pregunta sobre a nova addenda do convenio de protección das aldeas asinada o pasado mes de novembro. Cómpre lembrar que entre eses 252 concellos incorporados se inclúen 34 municipios considerados prioritarios pola súa maior actividade incendiaria, aos que hai que sumar un máis -o de Rianxo- tras o lume forestal rexistrado o ano pasado. En virtude da nova addenda do acordo, estes consistorios tamén se poderán beneficiar dunha rebaixa sistemática dos trámites administrativos en relación, sobre todo, aos ingresos percibidos pola venda de especies arbóreas resultantes das accións subsidiarias en faixas secundarias.

González puxo de relevo a colaboración entre administracións que fixo posible o acordo para sumar esforzos na anticipación aos lumes forestais e salientou que, ademais do sistema público de xestión de biomasa, o convenio tamén fomenta a figura das aldeas modelo para poñer en valor a terra agraria, con seis feitas xa realidade a día de hoxe.

Cartas aos beneficiarios de achegas

En resposta a outra pregunta parlamentaria en relación coas cartas remitidas pola Consellería solicitando datos persoais aos beneficiarios das axudas medioambientais, José González enmarcou esas comunicacións no afán do Goberno galego por actualizar a información sobre as explotacións agrogandeiras. Así, recalcou que en todo o momento se están a respectar os procedementos estipulados de protección de datos. Neste sentido, o conselleiro sinalou que o seu departamento se está a caracterizar por manter unha comunicación fluída cos agricultores e gandeiros para render contas e defender o futuro do rural.

Imaxes relacionadas