Almuiña anuncia que Sanidade incrementa as prazas para formación de especialistas en medicina e enfermería familiar e comunitaria e pediatría

Ofertará 129 prazas para médicos especialistas en Medicina Familiar e Comunitaria e 27 prazas na área de pediatría

A nosa Comunidade é pioneira no Estado en afrontar as reformas que precisa a atención primaria

A creación de prazas, a compra de equipamento sanitario ou as obras nos centros de saúde, son algunhas das medidas máis destacadas realizadas polo Goberno galego para potenciar o primeiro nivel asistencial

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2020

Co obxectivo de ter máis profesionais formados, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, anunciou hoxe, no Pleno do Parlamento de Galicia, onde compareceu para informar do grao de desenvolvemento do Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021, e dos resultados obtidos como consecuencia da súa posta en marcha por parte do Executivo galego, que o seu departamento incrementará as prazas para formación de especialistas en medicina e enfermería familiar e comunitaria e pediatría. Ao respecto, ofertaremos, -dixo Almuiña-, 129 prazas para médicos especialistas en Medicina Familiar e Comunitaria, o que supón 24 máis que na convocatoria anterior; 27 prazas na área de pediatría, é dicir 7 máis que na convocatoria anterior; e 49 prazas para formación de enfermería familiar e comunitaria e pediatría; que representan 19 máis que na convocatoria anterior.

Tamén referiu Almuiña que o 98,8% das accións a curto prazo do Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021 están xa rematadas ou en marcha. É máis, -subliñou o conselleiro-, o 88,8% están xa rematadas, acadado o 100% na liña referida á dotación de recursos humanos. Ao respecto o máximo responsable da sanidade pública de Galicia dixo que a nosa Comunidade é pioneira no Estado en afrontar as reformas que precisa este nivel asistencial.

Igualmente destacou o conselleiro a creación de 45 prazas no 2019 en centros de primaria, que xa están dotadas orzamentariamente, das que 12 son para medicina de familia, 25 para enfermería e 8 para fisioterapeutas.

Almuiña remarcou, ademais, a incorporación de 23 profesionais coa especialidade de enfermería familiar e comunitaria ao Sergas no pasado ano, e 13 coa especialidade de enfermería pediátrica.

A implantación da Plataforma tecnolóxica Telea, que permite o seguimento asistencial do paciente no seu domicilio, e que xa está funcionando no 100% dos centros de saúde; ou a creación dunha dirección de atención primaria en cada área sanitaria, que vai posibilitar fomentar a capacidade de resolución neste ámbito e que encargarase da coordinación, supervisión e avaliación de todos os recursos neste nivel asistencial, son outras das medidas destacadas por Almuiña.

No 2019, Sanidade destinou 8,5 millóns para equipamento sanitario electromédico, mobiliario clínico e mobiliario xeral e de oficina para centros de saúde, dos que preto de 2 millóns foron, -dixo o titular da carteira sanitaria-, para adquisición de equipamento de electrocardiografía, 1,4 millóns para equipamento de soporte vital e preto dun millón para espirómetros e retinógrafos.

Obras en centros de saúde

En canto ás obras, o conselleiro sinalou que xa están executados un novo centro de saúde en Gondomar; a ampliación do centro de saúde e PAC da Laracha; a reforma e ampliación do centro de saúde da Illa de Arousa; e a ampliación do centro de saúde de Pazos de Borbén.

A medio prazo, está prevista a finalización dos centros de saúde de Milladoiro-Ames; A Estrada, O Saviñao, Paderne de Allariz e Pereiro de Aguiar, que xa teñen as obras iniciadas, e do centro de saúde de Salceda de Caselas, así como melloras nos centros de Mugardos e As Pontes.

Imaxes relacionadas