A Xunta colabora na atención a mulleres con discapacidade auditiva vítimas de violencia de xénero

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, reuniuse hoxe con representantes da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG) na que participou o seu presidente, Iker Sertucha Lista

O Goberno galego destinou case 280.000 euros nos últimos anos para apoiar as actividades da entidade

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2020

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, mantivo unha xuntanza hoxe coa Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG), na que participou o seu presidente, Iker Sertucha Lista, para abordar as distintas liñas de colaboración entre o Goberno galego e a organización. O investimento da Xunta nos últimos anos para apoiar as iniciativas da entidade ascende a case 280.000 euros.

A Xunta e a FAXPG renovaron o pasado agosto o convenio de colaboración para garantir unha atención integral ás mulleres xordas vítimas de violencia de xénero, e que está dotado cunha axuda de 40.000 euros, no marco do desenvolvemento en Galicia das medidas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. A través deste acordo, a organización conta desde o ano pasado cun servizo de intérpretes en lingua de signos dende o momento que se presenta a denuncia. Tamén inclúe apoio á formación dos profesionais de atención especializada a mulleres con discapacidade auditiva en conceptos relacionados co eido da violencia de xénero.

Ademais deste convenio, a Xunta concedeu o ano pasado á organización 17.000 euros para poñer en marcha o programa “Portas abertas para mulleres xordas do rural galego”, ao abeiro das axudas da Secretaría Xeral da Igualdade para a realización de iniciativas de interese xeral para fins de carácter social dirixidos á promoción da igualdade e de prevención e loita contra a violencia de xénero con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF. O Goberno galego repartiu o ano pasado un total de 507.300 euros entre máis dunha vintena de entidades sen ánimo de lucro da comunidade.

A FAXPG recibiu en 2019 outros 12.000 euros por parte da Administración autonómica ao abeiro da convocatoria de axudas para entidades de iniciativa social con programas de recursos integrais de atención especializada para mulleres en situación de especial vulnerabilidade, neste caso coa implantación de recursos especializados para mulleres xordas.

Imaxes relacionadas