O titular da Xunta reuniuse por primeira vez este mediodía co novo presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias

Feijóo destaca que a Xunta ten transferido máis de 3.600 millóns aos concellos galegos nos últimos once anos e aposta por seguir profundando na colaboración

Destaca a necesidade de avanzar no tema da auga e do abastecemento e recorda que a Xunta leva investidos máis de 1.300 millóns neste eido; unha achega sen a cal moitos concellos non poderían ter auga potable, saneamento nin depuradora

Expón a necesidade de reabrir a competencia e a competitividade dos concellos para captar investimentos privados, co obxectivo de diminuír os impostos para atraer novos investimentos

Destaca que Galicia está entre as cinco comunidades que máis fondos incondicionados achega ás corporacións locais

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2020

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que a Xunta ten transferido máis de 3.600 millóns aos concellos galegos nos últimos once anos e apostou por seguir profundando na colaboración, especialmente, en ámbitos como o abastecemento de augas ou o financiamento. “En definitiva, empezamos a traballar xa nesta nova etapa e puxemos os alicerces das seguintes reunións”, aseverou, durante unha xuntanza co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Alberto Varela Paz.

Baixo o convencemento de que a cooperación e a suma de esforzos entre Goberno galego e gobernos municipais beneficia ante todo aos galegos, Feijóo destacou a necesidade de avanzar na vindeira lexislatura no tema da auga e do abastecemento, “porque estamos a falar dun compromiso que afecta a todas as administracións públicas”, dixo, recordando que, se ben os municipios son titulares da competencia, a Xunta, como administración de tutela, debe garantir que se cumpran cos servizos de saneamento, abastecemento e saúde pública.

Sobre este punto, lembrou que a Xunta leva investidos máis de 1.300 millóns de euros nos últimos anos neste eido. Unha achega, aseverou, sen a cal moitos concellos non poderían ter auga potable, saneamento nin depuradora.

Por outra banda, Feijóo expuxo tamén a Varela Paz a necesidade de reabrir a competencia e a competitividade dos concellos para captar investimentos privados, co obxectivo de diminuír os impostos para atraer novos investimentos. Ao respecto, fixo fincapé na importancia de que os municipios galegos se sumen aos Concellos Emprendedores, sobre todo aqueles situados nas zonas limítrofes con Portugal.

Máis de 3.600 millóns para os concellos nos últimos once anos

No tocante ao financiamento, Feijóo aproveitou a xuntanza para recoñecer a boa xestión que se fai maioritariamente nos municipios. E recordou que, nestes anos, a Xunta deu mostras dabondo de que o compromiso cos concellos é total; non en van, nos últimos once anos os concellos dispuxeron de 1.300 millóns de euros incondicionados, procedentes dos orzamentos autonómicos.

Unha cantidade que puideron empregar con total liberdade para atender as realidades específicas de cada un deles, e que se incrementa se se teñen en conta outras transferencias, coma fondos e subvencións, chegando a superar os 3.600 millóns traspasados pola Xunta aos concellos nos últimos once anos.

“Galicia está entre as cinco comunidades que máis fondos incondicionados achega ás corporacións locais”, precisou, engadindo que, con este orzamento que cada ano destina aos concellos a Xunta ten 10 consellerías máis a Fegamp, xa que esta recibe máis fondos que a Consellería do Mar ou que a Consellería de Cultura.

Ao longo da xuntanza, Feijóo expuxo tamén o problema ao que se enfrontan moitos concellos de Galicia que contan cun superávit, nalgúns casos superior a 200 millóns, e que, sen embargo, debido ás decisións de déficit público do Goberno central non poden executar.

O presidente do Executivo galego concluíu valorando este primeiro encontro e trasladando o desexo de seguir profundando sobre financiamento e servizos. “Esta xuntanza mantense dentro dos parámetros cos que estamos acostumados a traballar coa Fegamp. Parámetros de sinceridade mutua e de seguir traballando”, afirmou.

Imaxes relacionadas