A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, mantivo hoxe un encontro coas persoas que participan nesta iniciativa

Política Social difunde os seus programas en materia de xuventude no campus de Ourense a través dos Correspondentes universitarios

Este curso universitario están inscritos neste programa 72 mozas e mozos das universidades de Vigo, A Coruña e Santiago de Compostela

Ourense, 5 de febreiro de 2020

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, destacou hoxe o papel dos estudantes do campus de Ourense na difusión dos programas que a Xunta ofrece ás mozas e mozos a través da iniciativa Correspondentes universitarios. Explicou que o obxectivo final deste programa é que as actividades e iniciativas de interese para a mocidade galega cheguen ao seu destinatario final: os mozos e mozas. Iniciativas tales como as diferentes accións de voluntariado, os descontos vinculados ao Carné xove, o programa Galeuropa ou mesmo os intercambios a Xapón, Venecia e Xeorxia.

Cristina Pichel mantivo un encontro co grupo de participantes no programa Correspondentes Universitarios no campus ourensán, implantado nas universidades de Vigo, A Coruña e Santiago de Compostela en colaboración coas institución académicas. De feito, durante a xuntanza estivo presente a vicerreitora do campus de Ourense, Esther de Blas.

En total para este curso hai 72 estudantes inscritos neste programa, dos cales 28 son da Universidade da Coruña, 25 da de Santiago de Compostela e 19 da de Vigo. No campus de Ourense participan nove persoas que están estudando as titulacións de Traballo Social, Educación Social, Administración e Dirección de Empresas, Dereito, Ciencias Ambientais e Enxeñería Informática.

Estes correspondentes encárganse de difundir entre os seu compañeiros de estudos información que poida ser do seu interese, para o que ademais da transmisión directa en persoa tamén fan uso de redes sociais; xestionan regularmente un taboleiro ou sistema de divulgación da información na facultade e asisten ás reunións de coordinación que se convocan, así como aos cursos de formación organizados pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Carné Xove e certificado

Estas persoas obteñen, en contrapartida pola súa actividade, unha serie de beneficios como recibir gratuitamente formación en materia de xuventude ou o carnés xove, o internacional de estudantes (ISIC) e o de alberguista durante o curso escolar no que estean inscritos no programa. Tamén se lles recoñece o tempo dedicado como persoas voluntarias, a experiencia e as competencias adquiridas a través do certificado de educación non formal en materia de xuventude.

As universidades, no caso da de Santiago de Compostela e a da Coruña, e a propia Administración autonómica, no caso da Universidade de Vigo, expedirán aos correspondentes unha certificación coa súa participación no programa para os efectos de solicitude de créditos. Ademais, poderán participar de balde, durante unha fin de semana, nun encontro autonómico de correspondentes no que se inclúe aloxamento, a mantenza e a programación de actividades de carácter lúdico e formativo.

Imaxes relacionadas