A Xunta executa actuacións de conservación e limpeza no río Miñor, na contorna do coto de pesca de Gondomar

Estes traballos realízanse no marco das actuacións de mantemento da estación de aforo de Ponte Mañufe, que permite rexistrar en tempo real o caudal deste río

A actuación de Augas de Galicia consiste na retirada de árbores e pólas caídas nun tramo de 130 metros do río, ao seu paso pola parroquia de Mañufe

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade persegue a mellora dos leitos fluviais e favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, executa actuacións de limpeza e conservación no río Miñor ao seu paso polo Concello de Gondomar.

Estes traballos realízanse na contorna do coto de pesca de Gondomar e enmárcanse nas actuacións de mantemento da estación de aforo de Ponte Mañufe, que permite a Augas de Galicia rexistrar en tempo real o caudal deste río.

A actuación estenderase ao longo dun treito de 130 metros do río Miñor, ao seu paso polo lugar da Texosa, na parroquia de Mañufe.

As obras centraranse na retirada das árbores e pólas caídas. Unha vez finalizadas estas actuacións, o río quedará despexado de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Esta acción enmárcase no programa de mantemento de Augas de Galicia, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial da zona Galicia Norte e as súas zonas de acceso e protección.

Este tipo de traballos permiten a mellora dos leitos fluviais para acadar condicións naturais do ecosistema que favorezan os aspectos medioambientais e de uso social na contorna do río.

Imaxes relacionadas