A Xunta ten en marcha obras de emerxencia en catro estradas da provincia por un importe de 525.000 euros

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, apuntou que está previsto rematar esta semana os traballos na LU-621 (A Pobra de San Xiao-Baralla) e comezar na LU-622 (Corvelle-Láncara)

Os últimos temporais de choiva tamén causaron danos que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a reparar nas estradas LU-642 (O Incio) e no vial LU-722, que comunica Becerreá e Navia de Suarna
 

Láncara (Lugo), 04 de febreiro de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a executar obras de emerxencia en catro estradas da provincia de Lugo para reparar danos ocasionados polas intensas choivas rexistradas nos meses de novembro e decembro. Estas actuacións foron autorizadas polo Consello da Xunta e suman un investimento duns 525.000 euros.

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro, comprobou esta mañá os traballos que se levan a cabo na LU-621 (A Pobra de San Xiao-Baralla), para reparar os escorrementos que afectaron ao terraplén do punto quilométrico 7,570.

Segundo explicou Balseiro, está previsto que os traballos rematen esta semana. Para estabilizar a calzada neste punto optouse por executar un muro de coieira para conter a propia plataforma da estrada, así como pola reposición da obra de drenaxe transversal afectada, mediante a colocación dun tubo de formigón armado.

A continuación levaranse a cabo as obras proxectadas na LU-622, que une Corvelle (Sarria) e Láncara, unha vía que no pq 7,510 discorre en terraplén e que tamén se viu afectado polas persistentes choivas, que ocasionaron que os terreos da ladeira se viran sobrecargados de auga e en última instancia, unha inestabilidade na ladeira que orixinou o seu deslizamento.

Cómpre lembrar que ao pé deste terraplén hai un camiño que da servizo a San Vicente de Carracedo e sobre el atopábase un despósito de auga que servía á vivenda máis próxima. Ademais de retirar o material que afecta ao camiño, os traballos de reparación neste caso inclúen a realización dun muro de coieira para conter e reconstruír o terraplén da estrada; a reposición da gabia para desaugadoiro da obra de drenaxe transversal en formigón para evitar futuras filtracións nela; así como a reposición do depósito de auga afectado e a reconstrución do muro de peche da vivenda.

As actuacións nestas dúas estradas suman un investimento de 105.000 euros, dixo Balseiro. O delegado apuntou tamén que para finais deste mes ou principios de marzo está previsto rematar as obras que se executan na vía LU-642 no Incio para o restablecemento da plataforma da estrada no punto quilométrico 21,400, no treito entre a capitalidade do concello do Incio e o núcleo da Ferrería. Neste punto estase a traballar dende o mes de decembro para a estabilización dun noiro, cun investimento que rolda os 200.000 euros.

Paralelamente, Balseiro destacou que se están a levar a cabo obras para o sostemento de noiros de desmonte na estrada LU-722, que comunica as localidades de Becerreá e Navia de Suarna. O delegado lembrou que estes traballos teñen un orzamento estimado superior aos 220.000 euros, para reparar os danos ocasionados nos contornos dos pq 12,300 e 21,000. Segundo as previsións do departamento de Infraestruturas, estas obras rematarán en marzo, dixo Balseiro.
 

Imaxes relacionadas