A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, remitiu hoxe un escrito ao secretario de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Pedro Saura, solicitando a constitución dun foro sobre a alta velocidade similar ao establecido polo Goberno con outras autonomías

A Xunta solicítalle ao Goberno de España a creación dunha comisión de seguimento das obras do AVE

O Goberno galego pide que a primeira xuntanza desa comisión se celebre xa neste mes de febreiro coa fin de trasladar á cidadanía galega información oficial, clara, concreta e certeira sobre as evolución desta infraestrutura estratéxica, unha vez constatado o incumprimento do acordo político de rematar as obras a finais de 2019

Reitera a necesidade de manter á maior brevidade a reunión da comisión conxunta sobre a AP-9

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2020

A Xunta solicitoulle hoxe ao Goberno de España a creación dunha comisión de seguimento das obras do AVE que se reúna con periodicidade mensual. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, remitiulle hoxe un escrito ao secretario de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Pedro Saura, demandando a creación dun foro sobre a alta velocidade ferroviaria similar ao establecido polo Executivo central con outras autonomías.

O Goberno galego considera conveniente que a primeira xuntanza desa comisión de seguimento se celebre xa neste mes de febreiro, coa fin de achegarlle á cidadanía galega información oficial, clara, concreta e certeira sobre a evolución desta infraestrutura estratéxica, unha vez constatado o incumprimento do acordo político de rematar as obras a finais de 2019.

A conselleira exprésalle ao secretario de Estado a confianza na coincidencia sobre a importancia de establecer un marco de comunicación e interlocución fluído sobre este asunto. Neste sentido, sinala que as formulas escollidas nos últimos meses sobre a marcha das obras e a previsión de finalización das mesmas non ten sido a máis acertada, sinalando a información trasladada á Comisión Europea sobre a data de finalización das obras do AVE, así como as declaracións contraditorias por parte dos diferentes representantes do Estado en Galicia sobre os avances nesta infraestrutura estratéxica para Galicia.

Doutra banda, na súa misiva, Ethel Vázquez insiste tamén na preocupación da Xunta polo impacto económico da subida das peaxes na autoestrada do Atlántico, e reitera a solicitude da Xunta de convocar a reunión da comisión de seguimento da AP-9 á maior brevidade. Lembra que o Goberno xa coñece a proposta realista e viable da Xunta para frear a escalada desproporcionada de tarifas da AP-9 e minimizar o impacto das súas peaxes na cidadanía galega, que continúa á espera de resposta.

Imaxes relacionadas