A conselleira de Infraestruturas supervisou hoxe esta actuación, cun investimento superior aos 1,6 millóns de euros, que inclúe unha senda de 3 quilómetros para facilitar a mobilidade dos veciños que estará rematada este ano

Ethel Vázquez salienta que o acondicionamento da estrada AC-934, en Sobrado, mellorará a seguridade viaria dos veciños e dos peregrinos que fagan o Camiño no Xacobeo 2021

Vázquez Mourelle destaca que a intervención no treito de 4,5 km, entre o límite da provincia e o cruce de Abeleiras, dotará á estrada dunha imaxe moi distinta á actual, facéndoa máis segura, ordenada e confortable para os seus usuarios

Os traballos inclúen ampliar ata os 8 metros o ancho da estrada, rectificar as curvas de raio máis reducido e melloras nos cruces, con semiglorietas e carrís de aceleración que faciliten os xiros e as incorporacións e saídas máis seguras

A construción da senda na traza coincidente co Camiño forma parte do Plan de investimentos que está a facer a Xunta para o Xacobeo 21

Sobrado (A Coruña), 4 de febreiro de 2020

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou hoxe que o avance na execucións das obras de acondicionamento da estrada AC-934, ao seu paso por Sobrado, permitirá mellorar a seguridade viaria dos veciños e dos peregrinos que fagan o Camiño de Santiago no Xacobeo 2021.

Vázquez Mourelle supervisou hoxe a marcha dos traballos iniciados o pasado mes de novembro, e que comprende un tramo de 4,5 quilómetros da AC-934 que transcorre íntegro polo termo municipal de Sobrado, entre o límite da provincia e o cruce de Abeleiras, que supón un investimento autonómico superior aos 1,6 millóns de euros. Aínda que o prazo de execución das obras é de 18 meses, a conselleira avanzou que o ritmo dos traballos fai prever que se poidan rematar en menor tempo.

Trátase de dotar á estrada dun ancho maior, ata chegar aos 8 metros, e de rehabilitar o firme, incluíndose nas travesías de Vilariño-O Mesón o estendido dunha nova capa de rodadura e a ordenación do aparcadoiro.

Tamén se rectificarán as curvas de radio máis reducido para reforzar a seguridade viaria, e melloraranse as interseccións cos viais locais, coa disposición de semiglorietas e a creación de pequenos carrís de aceleración que faciliten os xiros e as incorporacións e saídas en condicións máis seguras.

Ethel Vázquez subliñou que, ademais, posto que un treito desta estrada transcorre paralelo ao Camiño de Santiago, a Xunta priorizará a execución da senda peonil de 3 quilómetros, desde o límite da provincia ata a travesía de Vilariño-O Mesón, que estará rematada este mesmo ano.

Esta actuación forma parte do Plan de investimentos da Xunta para o Xacobeo21, e nesta contorna, fóra deste proxecto, o departamento de Infraestruturas da Xunta ten previsto tamén unha actuación complementaria para eliminar o paso estreito actual para vehículos e peóns, ampliándoo a través dun pontón no lugar do Mesón.

Con estas actuacións, tal e como apuntou a conselleira, se permitirán dotar á estrada dunha imaxe moi distinta a actual, facela máis segura, máis ordenada e máis confortable para os seus usuarios, sexan peóns ou condutores.

Melloras para o Concello de Sobrado, para esta estrada autonómica AC-934, que veñen a complementar as levadas a cabo na estrada que continúa desde o límite da provincia cara a Friol, a LU-934. Isto permite seguir avanzando na mellora do eixo interior Friol-límite provincia-Sobrado.

Tamén se referiu a outras actuacións de reforzos de firme feitas pola Xunta nos últimos anos neste municipio -na travesía de Sobrado ou na zona de Os Cotos- e adiantou que nas vindeiras semanas licitarase a reparación en varios puntos na AC-231, cun investimento de 222.000 euros.

Imaxes relacionadas