O presidente da Xunta presidiu o acto de sinatura dos protocolos de colaboración coa Casa de Galicia, El Hogar Español e a Asociación Española Primera en Salud

Feijóo referenda en Uruguai o compromiso da Xunta cos galegos no exterior e salienta que os programas de atención social chegaron a máis de 30.000 galegos o ano pasado

Destaca que a Xunta destinou en 2019 un total de 4 millóns: para axudas directas a máis de 8.000 familias; e para a prestación de servizos sociais, a través da colaboración con entidades, chegando a máis de 21.000 galegos residentes no exterior

Asevera que a firma dos convenios con distintas institucións pon de manifesto que os valores de fraternidade e solidariedade que caracterizaron aos primeiros galegos da diáspora seguen a inspirar tamén o traballo da Xunta

Traslada tamén a posibilidade de que os médicos que estean acabando a súa formación ou aqueles que queiran desenvolver unha formación continuada poidan facelo nos hospitais galegos en calquera especialidade

Montevideo (Uruguai), 1 de febreiro de 2020

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, referendou hoxe en Uruguai o compromiso da Xunta cos galegos no exterior e destacou que os programas de atención social da Secretaría Xeral da Emigración chegaron a máis de 30.000 galegos durante o ano pasado.

Ao longo do acto de sinatura dos protocolos de colaboración coa Casa de Galicia, El Hogar Español e a Asociación Española Primera en Salud, Feijóo destacou que a Xunta destinou en 2019 un total de 4 millóns de euros: para axudas directas a máis de 8.000 familias en Arxentina, Uruguai, Brasil, Cuba e Venezuela; e para a prestación de servizos sociais, a través da colaboración con entidades, chegando a máis de 21.000 galegos en Venezuela, Arxentina, Uruguai, Brasil e Cuba, co obxectivo de garantir as mellores condicións posibles de vida para os maiores de orixe galego que necesitan atención neses centros.

Sobre este punto, Feijóo aseverou que a firma esta tarde destes convenios pon de manifesto que os valores de fraternidade e solidariedade que caracterizaron aos primeiros galegos da diáspora seguen a inspirar tamén o traballo da Xunta. “Cos protocolos firmados hoxe Galicia volve comprometerse cos nobres obxectivos que os galegos da diáspora iniciaron”, dixo, lembrando que a Casa de Galicia, que suma máis de 100 anos, mantén o compromiso de atención no ámbito sanitario, así como tamén no académico.

Así mesmo, destacou que o Hogar Español de Montevideo, que naceu fai seis décadas co obxectivo de acoller aos anciáns galegos que cando deixaban os hospitais non tiñan un fogar onde repoñerse, presta atención aos galegos residentes no país coa colaboración do Goberno de España e da Xunta. E da Asociación Española en Primera Salud, a primeira mutualista fundada no continente americano, con 165 anos de servicio, subliñou que presta cobertura a máis de 190.000 socios, cun equipo humano de case 8.000 traballadores.

Durante o acto, o presidente da Xunta trasladou tamén a posibilidade de que os médicos que estean acabando a súa formación ou aqueles que queiran desenvolver unha formación continuada poidan facelo nos hospitais galegos en calquera especialidade.

Feijóo concluíu agradecendo a hospitalidade e o interese que as distintas institucións deste país mostran sempre por Galicia e avogou por seguir colaborando no futuro. “Saben que sempre poderán contar con Galicia”, sentenciou.

Neste mesmo sentido, constatou que esta viaxe puxo de manifesto que Galicia é unha oportunidade para Uruguai e Uruguai, unha oportunidade para Galicia. “E así llo trasladei ao presidente electo, Lacalle Pou, onte. As empresas galegas contan cun saber facer en sectores como as infraestruturas e as enerxías renovables que poden ser útiles para este país”, dixo, recordando tamén as oportunidades de negocio noutros sectores como o agroalimentario, o farmacéutico, o forestal ou a industria naval.

Imaxes relacionadas