Galicia reúne a expertos das principais cadeas de valor das espumas de poliestireno para avaliar o seu encaixe na economía circular

Un taller celebrado esta semana na sede do Centro Tecnolóxico do Mar analizou as posibilidades de aproveitar ao máximo este material e o xeito de xestionar os residuos para evitar a súa chegada ao mar

A xornada enmárcase nas actividades do proxecto europeo OceanWise para reducir a presenza de residuos no medio mariño
 

Vigo, 1 de febreiro de 2020.- O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar reuniu esta semana nun taller participativo a expertos no tratamento das espumas de poliestireno para analizar as cadeas de valor de diferentes produtos confeccionados a partir deste material e buscar solucións que permitan o seu encaixe nunha economía circular, optimizando ao máximo este recurso e a xestión dos residuos para evitar que cheguen ao mar.

A xornada celebrada na sede do ente dependente da Consellería do Mar contou coa colaboración da empresa Sustainn e a Universidade Nova de Lisboa e enmárcase nas actividades do proxecto europeo OceanWise, unha iniciativa na que participa a Fundación Cetmar e que está financiada polo programa Interreg Atlantic Area sobre á redución do vertido de plásticos ao mar. En concreto, o proxecto OceanWise céntrase nas espumas de poliestireno expandido e estrullado (EPS e XPS) e pretende analizar a súa utilización e os procesos de reciclado existentes actualmente.

Un dos obxectivos principais do proxecto OceanWise é buscar solucións consensuadas entre todos os axentes que forman parte da cadea de valor das espumas de poliestireno, incluíndo tanto a produtores, como a distribuidores, diferentes usuarios, xestores de residuos, empresas de reciclaxe, investigadores, organizacións non gobernamentais ou autoridades responsables.

Dentro desta filosofía de actuación xorden diferentes talleres participativos como o organizado esta semana nos que, mediante mesas de traballo interactivas, se traballa no deseño de medidas que permitan alcanzar a circularidade real para diferentes produtos elaborados a partir destas espumas, evitando que ao final da súa vida útil cheguen ao mar.

No taller participaron unha trintena de representantes das principais cadeas de valor de artigos de uso cotiá nos que se empregan estas espumas, tales como envases alimentarios e non alimentarios, illantes para a construción, pezas para automoción, estruturas flotantes ou outros utensilios como cascos ou táboas de surf.

O proxecto OceanWise pretende xerar, baseándose en encontros participativos coma este e nos principios da economía circular, recomendacións para as políticas públicas así como novas e mellores prácticas relativas ao uso, fabricación, reciclaxe e valorización de poliestireno expandido e estrullado.
 

Imaxes relacionadas