O presidente da Xunta mantivo un encontro coa colectividade no Centro Gallego de Montevideo

Feijóo anuncia a extensión do Carné Xove para os mozos da diáspora que poderán beneficiarse das súas vantaxes en Galicia, España e Europa

Precisa que poderán acceder a esta tarxeta os mozos de 12 a 30 anos con nacionalidade española, veciñanza civil galega e que residan fóra de Europa

Reedita o compromiso da Xunta de converter Galicia nunha oportunidade, a través de iniciativas como as Becas excelencia mocidade exterior, cuxa cuarta convocatoria, que sairá nas vindeiras semanas, contará con 250 prazas para continuar a formación na Comunidade no eido universitario e FP

Destaca que o programa Conecta con Galicia, que en 2019 celebrou o seu 30 aniversario, fixo posible que máis de 9.000 rapaces de 20 países participasen nesta experiencia e fortalecesen os seus lazos coa Comunidade

Reivindica a plena vixencia dos centros galegos e convócaos a traballar na difusión do vindeiro Ano Santo, para converter este evento nunha celebración global que reforce Galicia como porta de Europa a América e de América a Europa

Montevideo (Uruguai), 1 de febreiro de 2020

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou nun encontro coa colectividade no Centro Gallego de Montevideo, que tivo lugar na tarde de onte venres (00,00 horas en España), a extensión do Carné Xove para os mozos da diáspora que poderán beneficiarse das mesmas vantaxes dos mozos galegos en Galicia, España e Europa.

Logo de subliñar que poderán acceder a esta tarxeta os mozos de 12 a 30 anos con nacionalidade española, veciñanza civil galega e que residan fóra de Europa, Feijóo reeditou o compromiso do Goberno galego de converter Galicia nunha oportunidade para os mozos galegos do exterior, a través de iniciativas como as Bolsas excelencia mocidade exterior, encamiñadas a xerar oportunidades de formación e cuxa cuarta convocatoria, que sairá nas vindeiras semanas, contará con 250 prazas entre bolsas universitarias (150) e de Formación Profesional (100). En total, desde a súa posta en marcha, esta iniciativa ofreceu a 800 mozos do exterior a oportunidade de continuar os seus estudos en Galicia.

E con programas como Conecta con Galicia, que en 2019 celebrou o seu 30 aniversario e que fixo posible que máis de 9.000 rapaces de 20 países participasen nesta experiencia e fortalecesen os seus lazos coa Comunidade.

Durante a xuntanza, na que entregou aos mozos que participaron no Conecta con Galicia a Compostelana, Feijóo referiuse ao Centro Gallego de Montevideo como un exemplo da fraternidade entre galegos, un centro que, fundado en 1879, foi o primeiro que iniciou o camiño que despois replicaron casas, fogares ou irmandades galegas por toda América.

Ao respecto, subliñou que, lonxe de fundar unha Galicia pequena e illada dentro de Uruguai, proxectou e compartiu a cultura galega, facéndoa máis extensa. “A galeguidade, en definitiva, nace da nosa apertura ao mundo e da solidariedade que abandeiran centros coma este”, aseverou, incidindo en que esta filosofía define a nosa identidade.

O titular da Xunta reivindicou deste xeito a plena vixencia destas institucións, “nas que atopamos sempre os nosos mellores embaixadores”. E nesta liña, convocou a todas elas a traballar na difusión do vindeiro ano santo, convertendo este evento nunha celebración global que reforce Galicia como porta de Europa a América e de América a Europa.

“O próximo ano 2021, Galicia ten unha cita co mundo, que levamos tempo preparando”, dixo, subliñando que a Galicia do Xacobeo 2021 terá as súas portas máis abertas ca nunca, para saboreala a través da súa gastronomía, contemplala nas súas paisaxes e sentila a través do Camiño.

Imaxes relacionadas