A Xunta e o Concello de Negreira colaboran na renovación e mellora enerxética do alumeado público

A directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitaron esta actuación financiada con máis de 65.400 euros no marco do Fondo de Compensación Ambiental

O investimento da Administración autonómica no concello nos últimos anos a través de distintas liñas de axudas da Vicepresidencia supera os 903.000 euros

Negreira (A Coruña), 31 de xaneiro de 2020

A directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, acompañada do delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe o concello de Negreira onde o Goberno galego investiu o ano pasado máis de 65.400 euros nun proxecto para renovar e mellorar a eficiencia enerxética do alumeado público no marco do Fondo de Compensación Ambiental. O municipio tamén recibiu case 40.000 euros para a formación duns vestiarios e locais para os efectivos de Protección Civil de Negreira ao abeiro da Orde de Infraestruturas de uso público.

A Xunta colabora co municipio na mellora da luz pública exterior na rúa do Carme e na praza do Concello coa renovación da rede de alumeado coa instalación de novas columnas e luminarias. As novas lámpadas de tecnoloxía LED substitúen ás existentes para obter unha maior eficiencia enerxética. O proxecto inclúe tamén a reforma do cadro de mando e protección.

Marta Fernández-Tapias incidiu en que o Goberno galego mantén un diálogo fluído e colabora cos municipios galegos, en tanto que son a administración mais próxima á cidadanía, para levar a cabo actuacións que redunden no benestar dos veciños.

O investimento da Xunta nos últimos anos no concello de Negreira ascende a máis de 903.200 euros a través de distintas liñas de axudas da Vicepresidencia que permitiron levar a cabo melloras nas infraestruturas do municipio e proxectos de renovación do alumeado público para acadar un maior aforro enerxético como o visitado hoxe.

Algúns dos proxectos financiados ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental leváronse a cabo en colaboración con A Baña, que xunto con Negreira integra a Mancomunidade de concellos de Tambre, o que amosa tamén a importancia da colaboración entre entidades locais para compartir servizos e optimizar recursos.

A Xunta habilitou este ano unha nova convocatoria das subvencións do Fondo de Compensación Ambiental, que conta cun orzamento de 11 millóns de euros cos que beneficiar aos municipios afectados pola implantación de parques eólicos e polas instalacións de evacuación destes. Dende o ano 2010, o Goberno galego ten en marcha estas axudas pola cales os ingresos derivados do canon eólico, se destinan á conservación, reposición e restauración do ambiente.

Imaxes relacionadas