A Xunta destina máis de 6,4 M€ ás axudas a entidades locais dirixidas a promover a igualdade e previr e tratar a violencia de xénero

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde de axudas que engloba o fomento da conciliación; a promoción da igualdade e a prevención de violencia de xénero; ou o apoio aos Centros de Información á Muller

Tamén son subvencionables as accións postas en marcha polas entidades locais que aposten pola sensibilización, a información e a difusión sobre a igualdade e a prevención e o rexeitamento da violencia contra as mulleres

Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2020

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria para 2020 das axudas ás entidades locais para a promoción da igualdade entre homes e mulleres e a prevención e o tratamento da violencia de xénero. A Xunta destinará a esta orde máis de 6,4 millóns de euros en dúas anualidades. O orzamento supón unha suba do 20% respecto aos 5,3 millóns de euros da anterior convocatoria.

Poderán beneficiarse das subvencións previstas nesta resolución os concellos, mediante solicitude individual ou conxunta de agrupación ou asociacións de municipios, mancomunidades ou consorcios locais. As entidades locais terán desde mañá un prazo dun mes para presentar as solicitudes a través da sede electrónica da Xunta.

O Goberno galego pretende con estas axudas apoiar actuacións que se están a levar a cabo desde as administracións locais coa finalidade de previr e tratar a violencia de xénero, apostar pola conciliación, facer efectivo a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, ou reforzar o funcionamento dos servizos de atención integral, de información e asesoramento ás mulleres na nosa comunidade.

A convocatoria engloba a financiación de catro programas. Por unha parte, iniciativas dirixidas ao fomento da conciliación; á promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención da violencia de xénero; e de apoio aos Centros de Información ás Mulleres (CIM). Estas tres liñas están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020. Ademais, inclúese unha cuarta liña que abarca programas de sensibilización, información e difusión sobre igualdade e prevención da violencia contra as mulleres, con apoio dos fondos ao abeiro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

O programa de fomento da conciliación, permitirá fomentar a corresponsabilidade entre mulleres e homes a través de medidas de conciliación da vida laboral, persoal e familiar. Conta cun orzamento de 800.000 euros. A contía máxima que pode recibir unha entidade local por este programa é de 12.000 euros no caso de solicitude individual, e ata 22.000 euros se é para a xestión compartida.

A través da liña de promoción da igualdade e de prevención e tratamento da violencia de xénero, son subvencionables accións orientadas a previr a violencia de xénero e mellorar a situación persoal, social e laboral, das mulleres vítimas, das súas fillas e fillos e das persoas delas dependentes. Tamén son subvencionables as actuacións para loitar contra a explotación sexual, en xeral, e a prostitución en particular. O orzamento desta liña é de 352.000 euros, e a contía máxima que pode recibir unha entidade local por este programa é de 10.000 euros no caso dunha solicitude individual, e de 20.000 euros no caso de que sexa conxunta entre varios concellos.

Axudas aos CIM

Co obxectivo de apoiar aos 82 centros de información ás mulleres (CIM) na nosa comunidade, o Goberno galego destina 4,5 millóns de euros para o seu funcionamento, un 31% máis que en 2019. Ao abeiro deste programa financiarase a atención a mulleres en situación de especial vulnerabilidade levada a cabo polos profesionais do CIM que ocupan os postos de traballo de dirección, asesoramento xurídico, atención psicolóxica, axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero. Cada entidade pode recibir como máximo 45.000 euros e ata 120.000 euros no nas peticións conxuntas.

Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero

Por outra parte, o ano pasado incorporouse un novo programa, financiado no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, para levar a cabo medidas de sensibilización, información e difusión sobre a promoción da igualdade e a prevención e rexeitamento da violencia contra as mulleres. Na convocatoria deste ano destinarase 800.000 euros a esta liña, para a que se establece cunha contía máxima de 8.000 euros cando se trata dunha solicitude individual e de 10.000 euros para a xestión compartida.

Imaxes relacionadas