Corina Porro exixe ao alcalde de Vigo que deixe de mentir sobre a Xunta de Galicia e nomeadamente sobre o hospital público vigués

Pídelle ao rexedor que free a campaña de descrédito contra este centro sanitario que xa a xustiza deixou claro que é “100 por cento público”

A delegada territorial replica a Caballero que o Cunqueiro rexistrou en 2019 os mellores datos de lista de espera da historia, por debaixo do hospital coruñés

Sinala que no caso de A Coruña o Concello cedeu a parcela e comprometeuse a adecuar os accesos, fronte a un alcalde que unicamente puxo “paos nas rodas”

Reclama ao munícipe que tome nota do proceder do resto de cidades a os seus alcaldes e antepoña traballar polos vigueses a facer oposición ao Goberno galego

Vigo, 30 de xaneiro de 2020

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro, exixiu hoxe ao alcalde vigués que deixe de mentir sobre o Goberno galego, o seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, e, nomeadamente, sobre o hospital público Álvaro Cunqueiro. Sinala que a campaña de descrédito emprendida polo rexedor xa sona resesa, pouco crible para os máis de 2 millóns de usuarios deste centro sanitario que teñen claro que é un hospital “100 por cento público”.

Nestes termos pronunciouse a representante autonómica tras as declaracións nas que Abel Caballero reclamou por parte da Xunta de Galicia o mesmo trato sanitario que o dado a A Coruña. Censurou así a “espiral de mentiras”, alimentadas desde o Concello vigués, respecto á natureza deste hospital que xa a xustiza deixou clara.

Corina Porro recordou que o Xulgado Contencioso-Administrativo número 2 de Vigo deixaba en evidencia as mentiras que durante todos estes anos vertéronse desde a Administración local sobre o Álvaro Cunqueiro ao eximilo do pago do IBI como reclamaba o Concello. O fallo non deixa lugar a dúbidas de que o centro sanitario é titularidade do Sergas é, en consecuencia, está exento de pagar este imposto, subliñou a delegada.

“Engana aos vigueses, téntao ao menos, e acode de forma recorrente á mentira”, aseverou, para engadir que “o tempo rematou por darnos a razón”. Non hai motivos para a comparativa, defendeu tras asegurar que temos un dos hospitais públicos de maior reputación a nivel nacional, tal e como recolle o Monitor de Reputación Sanitaria. Si en cambio, dixo, no caso do alcalde de Vigo e da alcaldesa de A Coruña, da que recordou comprometeuse a ceder unha parcela de 8.000 metros cadrados para a construción do hospital herculino, a pagar os preto de 10 millóns de euros en expropiacións e os viais de acceso por máis de 13 millóns de euros. Fronte a isto, Caballero leva anos poñendo “paos nas rodas”.
Corina Porro, que desmentiu tamén que o Cunqueiro teña a maior lista de espera de todas as cidades de Galicia, posto que recentemente fixo públicos os mellores datos da historia sanitaria de Vigo, reclamoulle ao munícipe que tome nota do proceder do resto de cidades e os seus alcaldes e antepoña traballar polos vigueses a facer oposición ao Goberno galego.

Xa por último e respecto ao aparcadoiro, recordoulle que precisamente as parcelas anexas ao hospital vigués, propiedade da Xunta e que reclama o Concello para a súa construción, están reservadas para necesidades futuras sanitarias, e que o Concello dispón de varias municipais na contorna do centro sanitario destinadas no proxecto sectorial do ano 2008 ao estacionamento de vehículos. “Prometeu máis de 2.800 prazas de aparcadoiro e creou unicamente 400”, apuntou.

Para a delegada territorial, “este é un exemplo máis da política de confrontación que tanto está prexudicando ao interese xeral da cidade e dos seus veciños”.