A Xunta pon en marcha Son Executiva, o programa de liderado feminino destinado a 400 mulleres galegas

O prazo de inscrición para esta iniciativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria está aberto e as sesións presenciais celebraranse entre os meses de febreiro e xullo

O obxectivo é reforzar os coñecementos en xestión executiva das profesionais galegas para que poidan acceder a postos de alta dirección e potenciar o seu propio desenvolvemento

Consta de dous niveis formativos, segundo a súa experiencia e situación profesional e, en cada un, seleccionaranse 40 participantes para acceder a un curso de dirección de proxectos con certificación oficial e con recoñecemento a nivel internacional

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2020

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, pon en marcha Son Executiva, o programa formativo de liderado, creatividade e empoderamento feminino co que se pretende chegar a un total de 400 mulleres galegas.

Entre os meses de febreiro e xullo está previsto impartir esta formación combinada cun programa de coaching individualizado en sesións presenciais nas cidades da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Santiago de Compostela. O obxectivo é reforzar os coñecementos de xestión executiva para que as mulleres galegas poidan acceder a postos de alta dirección nas empresas e dar ferramentas ás participantes para potenciar o seu propio desenvolvemento cara a consecución das súas metas profesionais.

Constará de dous niveis formativos segundo a experiencia e situación profesional das participantes: por unha banda un itinerario dirixido a mulleres con algún cargo directivo e experiencia profesional ou empresarias en activo; e por outra, un itinerario para recentemente tituladas universitarios ou con formación profesional que pretendan impulsar a súa traxectoria ou poñer en marcha un proxecto emprendedor. De cada nivel seleccionaranse 40 alumnas que poderán acceder a un curso de dirección de proxectos con certificación oficial e recoñecemento a nivel internacional.

As mulleres interesadas poden realizar a súa solicitude a través do formulario en liña. As candidatas serán seleccionadas tendo en conta a orde de inscrición, unha vez comprobado o cumprimento dos requisitos de acceso.

Imaxes relacionadas