A Xunta forma aos xestores de montes veciñais en man común para que presenten de xeito telemático as comunicacións dos seus reinvestimentos anuais

Nunha xornada no Mupega, técnicos da Consellería do Medio Rural tamén os informaron da posta en marcha dun Plan de control e verificación das comunicacións realizadas en exercicios pasados

A aplicación electrónica foi creada pola Consellería e a Amtega co fin de facilitarlles a aportación documental ás distintas comunidades de montes

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2020

Técnicos da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, dependente da Consellería do Medio Rural, impartiron esta mañá unha xornada de portas abertas para formar aos xestores de montes veciñais en man común no correcto uso da nova plataforma informática na que terán que comunicar os seus reinvestimentos anuais.

A xornada formativa, celebrada no Museo Pedagóxico de Galicia, dirixiuse tanto ás persoas comuneiras que preparan estas comunicacións como ás empresas externas de xestión. Ademais de asesoralos sobre a axeitada presentación á que deben facer fronte no primeiro semestre de cada ano tamén os informaron sobre a posta en marcha dun Plan de control e verificación das comunicacións de reinvestimentos realizadas en exercicios pasados.

Os técnicos da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal lembráronlles aos participantes no encontro que teñen á súa disposición varios números de teléfono para consultar dúbidas ou dar conta de cuestións relativas á plataforma electrónica durante o proceso de presentación telemática das comunicacións anuais de reinvestimentos.

Esta aplicación foi creada pola Consellería do Medio Rural e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) co fin de facilitar a aportación documental e as comunicacións por parte das distintas comunidades de montes veciñais en man común. Cómpre lembrar que estas comunidades teñen que reinvestir no monte o 40% dos ingresos xerados pola súa xestión, e ata o 100% no caso de venda de produtos afectados por incendios, pragas ou temporais.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural