A actuación prevé intervir sobre o conxunto escultórico conmemorativo da visita de Xoán Pablo II, cuxa estrutura se atopa moi deteriorada

A Xunta acondicionará o cumio do Monte do Gozo no marco da mellora paisaxística dos camiños de Santiago para a celebración do Xacobeo 2021

Esta actuación complementará tanto a reforma do complexo turístico dos últimos anos como as obras en marcha de integración paisaxística das entradas das rutas xacobeas a Compostela

A intervención proxectada permitirá por en valor a primeira vista das torres da Catedral desde o Monte do Gozo

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2020

A Xunta de Galicia realizará unha intervención de mellora paisaxística no cumio do Monte do Gozo que complementará as obras xa realizadas e as que se atopan en execución de cara ao vindeiro Xacobeo 2021.

Trátase dunha actuación complementaria ás desenvolvidas nos últimos anos pola Consellería de Cultura e Turismo para a rehabilitación integral do complexo do Monte do Gozo. Estes traballos permitiron levar a cabo importantes actuacións de mellora actuando no auditorio, nos pavillóns, na contorna, nos servizos, etc, recuperando a funcionalidade deste espazo coa vista no novo ciclo xacobeo.

Ademais, esta nova intervención prevista no Monte do Gozo servirá tamén de complemento ás obras que, no marco da estratexia de mellora e integración paisaxística das entradas dos Camiños de Santiago en Compostela, está a desenvolver a Axencia Galega de Infraestruturas entre a capela de San Marcos e San Lázaro, cun investimento de 1,75 millóns de euros.

As obras que se están a executar mellorarán a experiencia do peregrino e do visitante ao chegar ao lugar emblemático do Monte do Gozo, xa descrito no Códice Calixtino como o primeiro punto desde o que se divisan as torres da Catedral de Santiago. Esta vista ficou oculta durante anos por un bosque de eucaliptos no que se actuou hai varios meses, recuperando a perspectiva orixinal. Considérase, polo tanto, oportuno, pór en valor novamente ese espazo, de máis de 50.000 metros cadrados, adicándoo a zona de reflexión e descanso dos peregrinos.

A actuación prevé unha intervención no complexo escultórico de conmemoración da visita do Papa Xoán Pablo II a Compostela en 1993, cuxa estrutura interna se atopa moi deteriorada. Considérase necesario acometer sobre a mesma unha actuación urxente, na que se avaliarán alternativas para poñer en valor os elementos artísticos esenciais da mesma.

A Xunta está a traballar nun proxecto de actuación que ademais permita orientar aos peregrinos e visitantes de modo claro cara ao punto desde o que se divisan as torres da Catedral, ofrecerlles un espazo de reflexión nun lugar tan emblemático, integrar paisaxisticamente elementos como o depósito de augas, e dispoñer aseos públicos, entre outras cuestións.

Esta actuación culminará as obras da Xunta de Galicia na zona, recuperando o valor orixinal do Monte do Gozo como punto de referencia fundamental da chegada do Camiño Francés a Santiago de Compostela.