Medio Ambiente regula a tempada de pesca da anguía na desembocadura do río Ulla entre o 1 de febreiro e o 31 de outubro

A Consellería mantén para 2020 as principais condicións e medidas que rexeron durante o ano pasado para a práctica desta actividade tradicional

Segundo o plan de aproveitamento específico da especie, o tamaño mínimo das capturas queda fixado en 20 centímetros, só poderá pescarse entre as 12.00 horas do luns e as 12.00 horas do sábado e a única arte permitida será a nasa-voitirón

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2020-

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda publica hoxe no DOG a normativa que regula a pesca da anguía na desembocadura do río Ulla durante a vindeira tempada, que se estenderá desde o 1 de febreiro ata o 31 de outubro deste ano.

Segundo a devandita resolución, queda aprobada a renovación do plan de aproveitamento específico da especie e se manteñen os principais requisitos que rexeron nesta zona durante a campaña anterior. Deste xeito, o tamaño mínimo das capturas queda fixado en 20 centímetros, coa obriga de devolver ao río aqueles exemplares que non dean a talla, así como as anguías prateadas e outros tipos de peixes que entren nas nasas.

Así mesmo, para poder practicar a pesca desta especie na desembocadura do Ulla a única arte permitida será a nasa-voitirón, cun tamaño de malla non inferior a 14 milímetros e un límite de 80 nasas por embarcación, de acordo ao disposto no Plan de Xestión da Anguía en Galicia.

O horario autorizado para levar a cabo esta práctica estenderase desde as 12.00 horas do luns e ata as 12.00 horas do sábado, cun máximo de oito horas diarias de traballo, e quedando en todo caso vedada fóra desa franxa.

Cómpre lembrar que a pesca da anguía é unha actividade profesional tradicional que se desenvolve nalgunhas zonas de desembocadura dos ríos galegos. No caso concreto do Ulla, as confrarías de Carril e Rianxo contan cun total de 18 embarcacións con 37 tripulantes que exercen esta actividade.

Imaxes relacionadas