A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, lamentou esta tarde no pleno do Parlamento que o Goberno central estea “deixando morrer” o tren en Galicia

A Xunta avanza que seguirá reclamando solucións definitivas para garantir a venda presencial de billetes e garantías para uns servizos ferroviarios de calidade

Ethel Vázquez defende como “prestación esencial” o servizo de venda de billetes presencial nas estacións de tren de Galicia

Advirte da desconformidade da Xunta co carácter provisional das medidas que manexa Renfe para a venda de billetes en varias terminais ferroviarias

Denuncia a preocupante situación de Ribadavia e O Carballiño, onde Renfe non prevé que haxa venda de billetes presencial antes de marzo

Traslada a Renfe a necesidade de modernizar o material rodante e actuar no mantemento e mellora da propia infraestrutura para evitar as reiteradas incidencias e cancelacións nos servizos ferroviarios

Insiste en pedir que o Goberno de España cumpra os compromisos asumidos cos galegos, comezando por dignarse a ofrecer datas para a chegada do AVE a Galicia

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2020

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, reafirmou hoxe o compromiso da Xunta de seguir traballando con insistencia e reclamando ante o Goberno central garantías na prestación de servizos ferroviarios de calidade para todos os cidadáns de Galicia.

Na súa intervención esta tarde no Pazo do Hórreo, a conselleira lamentou que o Goberno central estea “deixando morrer” o tren en Galicia.

Así, manifestou a oposición da Xunta á decisión de deixar de prestar o servizo de venda presencial de billetes en 8 estacións de tren desde o pasado 31 de decembro, polo que requiriu do Goberno central solucións definitivas e o mantemento con carácter permanente do servizo presencial de venda de billetes, que definiu como “esencial” para os galegos do rural.

Expuxo que a Xunta está a manter ante o Goberno de España a mesma postura na defensa do mantemento do servizo de venda presencial que defendeu en 2017, conseguindo que se abandonase o plan de peche destes servizos en distintas estacións.

Ethel Vázquez deu conta da reunión mantida entre o director xeral de Mobilidade da Xunta e o representante de Renfe na Comunidade para abordar este e outros asuntos de preocupación en relación cos servizos ferroviarios en Galicia.

Tras a reunión, a conselleira considerou necesario reafirmar a desconformidade da Xunta co carácter provisional das medidas que manexa Renfe para manter a venda presencial de billetes en varias terminais ferroviarias, como é o caso de Ortigueira, Burela, Viveiro, Sarria, Guillarei, Redondela, O Carballiño e Ribadavia.


Especialmente preocupantes considerou os casos de Ribadavia e O Carballiño, onde, segundo informou Renfe, non se prevé que haxa venda de billetes presencial antes do mes de marzo, sen que tampouco exista agora máquina de autovenda.

A conselleira expresou, tamén, a preocupación da Xunta polas reiteradas incidencias e cancelacións nos servizos ferroviarios que se veñen producindo nos últimos tempos nas liñas de tren da nosa Comunidade, que foi tamén trasladada a Renfe.

Ademais, incidiu na necesidade de modernizar o material rodante e acometer as actuacións de mantemento e mellora oportunas na propia infraestrutura para evitar este tipo de situacións.

A Xunta, concluíu a conselleira, seguirá activa nas reivindicacións da prestación dos servizos ferroviarios de calidade en Galicia, e pide que o Goberno de España cumpra os compromisos asumidos cos galegos, comezando por dignarse a ofrecer datas para a chegada do AVE a Galicia.

Imaxes relacionadas