A Xunta reparte máis de 1800 castiñeiros autóctonos para froito a distintos viveiros galegos para a conservación e multiplicación deste material vexetal

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), dependente da Consellería do Medio Rural, presidiu o acto de entrega destas plantas

A Xunta está traballando nun Plan de recuperación dos soutos tradicionais de Galicia, que permitirá dinamizar o rural e impulsar o sector da castaña

Boqueixón (A Coruña), 29 de xaneiro de 2020

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), iniciou esta mañá a entrega de castiñeiros autóctonos para froito a distintos viveiros autorizados para a multiplicación de dita especie. Durante o acto, que estivo presidido polo director da Agacal, Manuel Rodríguez, repartíronse 1811 plantas a 19 viveiros, sendo o seu destino a implantación de campos de pés nais.

O obxectivo desta acción, segundo destacou o director, é conservar e multiplicar o material vexetal de variedades autóctonas para defender a calidade e a diferenciación da produción de castaña galega. Deste xeito, as plantas estarán a disposición dos interesados para novas plantacións a través destes viveiros autorizados. Ademais, Manuel Rodríguez adiantou que tamén foron destinatarios destas plantas os centros de formación e investigación da Agacal, co obxectivo de fomentar distintos ensaios, campos demostrativos e futuras transferencias.

Cabe salientar que a Agacal ten, entre as súas funcións, as de conservación do patrimonio xenético tradicional e a promoción da mellora xenética das especies de produción agroforestal. As árbores que hoxe foron entregadas son material vexetal de reprodución de castiñeiro para froito de 15 variedades autóctonas.

Neste senso, cómpre destacar que Galicia ocupa o primeiro lugar, a nivel nacional, na produción e exportación de castañas. Así, estímase a existencia dunhas 45.000 hectáreas, das que unhas 25.000 son soutos produtivos (con destino á obtención de froito), o que permite unha comercialización de arredor de 20 millóns de toneladas. Estas cifras tradúcense nuns 30 millóns de euros pagados aos produtores e nuns 100 millóns de valor deste produto no mercado.

Ademais, debe terse en conta o valor cultural e medioambiental que vai ligado á explotación dos castiñeiros. De feito, os soutos de Castanea sativa están considerados como un hábitat de interese comunitario da Rede Natura 2000. Para impulsar a súa conservación, a Xunta está traballando nun Plan de recuperación dos soutos tradicionais de Galicia, que permitirá dinamizar o rural e impulsar o sector da castaña.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural