A Xunta reforzará a seguridade viaria da PO-308 en Chancelas, no concello de Poio, coa instalación dun paso de peóns con semáforo

Trátase dunha actuación complementaria ás proxectadas para a mellora da seguridade viaria entre Combarro, Chancelas e Samieira cuxo proxecto foi sometido a información pública

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade instalará un paso de peóns con semáforo na estrada autonómica PO-308 en Chancelas, no termo municipal de Poio.

Con esta actuación, a Xunta atende unha demanda dos veciños desta zona, que solicitaron medidas que lles faciliten realizar os cruzamentos en condicións de seguridade. Para responder á súa petición, os técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas analizaron varias alternativas de actuación e decidiron acometer a que permite garantir en mellores condicións a seguridade dos usuarios.

Así, aínda que inicialmente se preveu dispor de sinalización vertical de advertencia da presenza do peóns con reforzo luminoso, deixando para a execución da senda a habilitación do paso de peóns, finalmente se adoptou a decisión de anticipar a instalación dun semáforo con pulsador para regular os cruzamentos.

A actuación prevista consiste na instalación dun semáforo con pulsador detrás da parada de autobús para que os cruzamentos se fagan con seguridade e na habilitación dun pequeno refuxio para situar o semáforo e para a espera dos cidadáns.

A Axencia Galega de Infraestruturas levará a cabo nas vindeiras semanas os trámites para a contratación das obras, que se prevé que se poidan acometer no mes de marzo.

Esta será unha actuación inmediata en atención ás demandas dos veciños que se complementará posteriormente coas obras de mellora de seguridade viaria recollidas no proxecto de senda entre Combarro, Chancelas e Samieira.

A Xunta está a promover unha renovación integral da estrada PO-308 nos concellos de Poio e Sanxenxo coa fin de reforzar de forma substancial a súa seguridade viaria.